O Museo de Golmar acollerá en agosto un novo programa de actividades para todos os públicos

2 minutes read

O Concello da Laracha volverá organizar durante durante o próximo mes, baixo o título Agosto no muíño, unha nova programación de actividades no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar co propósito de seguir dinamizando este espazo museístico e ofrecer propostas de lecer e divulgación para públicos de todas as idades.

A programación comezará o martes 4 de agosto cunha proposta para todos os públicos que inclúe, desde as 11:00 horas, visita guiada ao Centro de Interpretación e andaina Ruta da Muiñeira ao ritmo do río Acheiro. A mesma actividade repetirase o día 20 de agosto.

Realizaranse tamén os talleres de costura Fíos Creativos, impartidos por Ana Trasariz. As sesións, de 11:00 a 13:00 h, serán o día 12 destinada a nenos de entre 6 e 12 anos, e  a do día 13, a adultos e maiores de 13 anos.

Tres novos obradoiros completarán a oferta para o público infantil (5 a 12 anos), todos eles a realizar de 10:30 a 13:00 h. O día 19 Do gran ao pan, no que se explicará todo o proceso necesario para a creación dun boliño que farán os propios participantes. Os días 25 e 26, Mans á masa, un taller de cociña saudable. E o último, Días no muíño, o 27 e o 28 de agosto.

Tamén haberá o obradoiro para adultos de xoias sostibles Do lixo á xoia o día 22 de 11:00 a 13:00 h, impartido por María Candamo de Lixo Atelier.

O prazo de inscrición para todas as actividades de Agosto no muíño xa está aberto. As persoas interesadas poden reservar a súa praza chamando ao teléfono 647828559 ou enviando un correo electrónico a museodegolmar@alaracha.gal.

O Concello lembra ademais que durante o verán o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte permanece aberto ao público de martes a sábado en horario de 10:00 a 18:00 horas. O acceso ás instalacións é gratuíto.