O Concello de Ponteceso está a executar a rede de abastecemento de auga en Bardaio, na parroquia de San Martiño de Cores, cun orzamento de 130.000 euros.
Trátase dunha obra moi demandada pola veciñanza, xa que os habitantes deste núcleo nunca tiveron servizo público de abastecemento e dependían, polo tanto, da subministración mediante pozos privados e traídas de auga veciñais. A actuación permitirá conectar esta rede coa xa existente no núcleo de Figueiroa. A obra lévase a cabo grazas á cooperación entre o Concello de Ponteceso e a Deputación da Coruña, a través do POS+ (Plan Único de Concellos).
Segundo o alcalde, José Manuel Mato, “estas obras veñen confirmar a aposta do goberno local por levar servizos públicos de calidade a todas as parroquias do concello. Temos a vontade de mellorar estes servizos e de executalos alí onde non existan, como é o caso de Bardaio», sinalou.
De feito, o proxecto permitirá unha futura ampliación da rede cara ao núcleo de Riotorto. A obra contempla a instalación de dous tramos principais de condución de polietileno, cun total de 361 metros de tubaxe de 75 milímetros de diámetro.
Para levar a cabo a execución das obras, repoñeranse as gabias e os pavimentos afectados mediante aglomerado asfáltico en quente na beiravía da estrada provincial DP-6805 e nas vías municipais. Ademais, realizarase o reasfaltado completo da calzada afectada polos traballos.
Tamén se renovarán as cunetas de terra e os pasos salvacunetas afectados, e os traballos concluirán coa correspondente sinalización horizontal e vertical.
O prazo estimado para a execución total das obras é de tres meses, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.
