O peixe da lonxa de Laxe chegará a Carballo este xoves cunha degustación gratuíta

1 minutes read

A Confraría de Pescadores de Laxe celebrará este xoves, 17 de setembro, unha degustación gratuíta de peixe e marisco da súa lonxa na Praza do Concello de Carballo, a partir das 12:00h. Preténdese así aproveitar o especial movemento na localidade con motivo do día de mercado.


Nesta ocasión, está previsto que os asistentes poidan degustar dúas elaboracións distintas, protagonizadas pola juliana ou rape branco e o polbo. En total, o cociñeiro Miguel Mosteiro servirá unhas 400 tapas totalmente gratuítas.


Como en citas anteriores, o obxectivo desta iniciativa, impulsada pola Confraría de Pescadores de Laxe co apoio do GALP Costa da Morte, é dar a coñecer a calidade dos recursos pesqueiros da lonxa laxense, á vez que se fomenta o consumo de peixe fresco e de proximidade e ponse en valor a pesca costeira artesanal, que garante a frescura e calidade das capturas, así como a sustentabilidade da actividade pesqueira.


Con esta acción, a Confraría de Laxe continúa coa súa campaña de promoción do peixe e marisco procedente da pesca costeira artesanal en Laxe. Unha iniciativa que este ano xa recalou nas prazas de abastos de Santiago e Noia e que culminará o próximo 1 de outubro cun acto de peche no Parador Costa da Morte, en Muxía.