O Pesca II evacúa a unha sendeirista indisposta no Camiño dos Faros, en Malpica

1 minutes read

Foi a propia afectada, de orixe Persa, quen alertou ao 112 Galicia arredor das 15:00 horas deste xoves, indicando que presentaba complicacións respiratorias e que non era capaz de continuar a marcha.

Desde a sala de operacións do 112 Galicia mobilizouse de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Carballo, ao GES de Ponteceso, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Con todo, tras chegar ao punto, os equipos de emerxencia constataron que a complicada orografía do terreo imposibilitaba o traslado da ferida a pé ou en padiola.

Ante esta situación, os xestores do 112 informaron á Sala de Gardacostas de Galicia, que enviou ao lugar o helicóptero Pesca II. A aeronave rescatou a afectada e trasladouna ata a zona da Torre de Hércules, na Coruña, onde a esperaba unha ambulancia do 061 para levala ao centro hospitalario de referencia.