A Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno celebrou este luns a reunión previa ao Pleno extraordinario que se convocará para o este xoves día 17 de setembro. Na sesión someteranse á consideración da Corporación tres asuntos a proposta do Goberno local: a participación no POS+ Adicional, o convenio coa Deputación da Coruña para o cofinanciamento do plan municipal de mellora de parques infantís e a modificación de ordenanza municipal reguladora do programa Harmoniza co obxectivo de ampliar o número de prazas.
Así, formalizarase a participación no POS+ Adicional da Deputación da Coruña, cunha dotación económica de 761.015,86 euros para o Concello da Laracha que se propón destinar integramente ao financiamento de proxectos de mellora de infraestruturas de titularidade municipal. A maior parte da dotación iría dirixida a actuacións na rede viaria na Armada Vella, A Orraca, Trixezo, As Salgueiras e A Ferradura (parroquia de Soandres), Trasande e A Lagarteira (Cabovilaño), O Campo da Costa (Caión), A Xesta e A Abeleira (Soutullo), O Pazo (Vilaño), A Torre, A Cachada e accesos ao CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco (Lestón). En Escurido (Lendo), ademais de renovar a estrada vaise ampliar a rede de saneamento. E tamén se propón a reforma integral do almacén municipal situado na rúa Ponte da Balsa do núcleo urbano da Laracha.
A modificación da ordenanza reguladora do programa de axuda á conciliación Harmoniza é necesaria para poder atender a totalidade das solicitudes de inscrición viables que foron presentadas e evitar a formación de listas de agarda. A intención do cambio do texto é que durante o período lectivo do curso escolar as prazas dispoñibles pasen de 120 a 150 no CEIP Otero Pedrayo, de 35 a 45 no CEIP Alfredo Brañas e de 20 a 35 no CEIP de Caión. Ademais, durante o período de vacacións pasaríase de 120 a 150 prazas. Tamén se incluiría no texto da normativa a posibilidade de ampliar o número por acordo da Xunta de Goberno Local en caso de necesidade xustificable, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria e espazo físico axeitado.
Por último, tamén se someterá á consideración do Pleno a aprobación do convenio coa Deputación da Coruña para o cofinanciamento do Plan municipal de mellora de parques infantís. O plan redactado polo Concello contempla a creación dun novo parque infantil en Coiro e a mellora doutros xa existentes: o situado no Cruceiro de Lendo, o da praza da Areosa e Vilaño e o da rúa A Porta Santa de Paiosaco. As actuacións deseñadas inclúen a substitución do pavimento actual de baldosas de caucho por outro continuo, e a renovación do mobiliario urbano, dos peches perimetrais e dos propios elementos de xogo co obxectivo de mellorar a seguridade, a funcionalidade e o confort destes espazos, ademais de facelos máis atractivos para os seus usuarios. A iniciativa conta cun orzamento total de 120.695,04 euros, dos que a Deputación financiaría o 80 %.
