O pleno da corporación abordará o luns 29 de xuño a aprobación do convenio de colaboración coa Fundación Amancio Ortega para financiar, de forma íntegra, a construción do futuro edificio das entidades sociais, un proxecto estratéxico que contará cun investimento de 7,8 millóns de euros e que aspira a converterse nun referente en benestar social para Carballo e toda a comarca.
O convenio, que xa foi ditaminado por unanimidade na comisión informativa de Facenda, permitirá iniciar a tramitación administrativa para licitar as obras unha vez se formalice a súa sinatura, prevista para o 9 de xullo.
O alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Planificación, Juan Seoane, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, destacaron a importancia do acordo, tanto polo seu volume económico como polo seu impacto social. “Cando hai unha actuación tan importante, todos debemos remar no mesmo sentido”, sinalou o alcalde, ao tempo que agradeceu a implicación da Fundación Amancio Ortega por apoiar un proxecto que nace do diálogo co tecido asociativo.
O edificio foi deseñado por LCG Arquitectura, gañadora do concurso de ideas convocado polo Concello, a partir dun programa elaborado coas achegas das propias entidades sociais. A actuación incluirá tamén a urbanización da contorna, cunha nova praza pública, reforzando un ámbito no que xa se concentran numerosos servizos sociosanitarios.
A concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures, definiu o futuro inmoble como “a alma social de Carballo”, un espazo pensado para o voluntariado, os coidados, a igualdade e a colaboración entre entidades. Ademais de albergar asociacións como Cruz Vermella, Vieiro, Un Paso Máis, Asociación Española Contra o Cancro, Afaber, Aspaber ou Íntegro, o edificio será a sede do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e permitirá impulsar un centro de día para persoas con alzhéimer e outras demencias, unha demanda histórica das familias.