O Pleno de Malpica aproba o POS+ Adicional 2/2026, con sete actuacións de mellora viaria e seguridade

4 minutes read
Arquivo.

O Pleno extraordinario do Concello de Malpica de Bergantiños aprobou onte a participación do municipio na segunda fase do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) POS+ Adicional 2/2026.

A proposta do Goberno municipal contempla a realización de sete actuacións, cun investimento total de 338.813 euros, destinadas principalmente á mellora das capas de rodadura de diferentes vías e camiños municipais, así como á instalación de medidas específicas para reforzar a seguridade viaria.

As obras previstas son as seguintes:

● Mellora da capa de rodadura nas rúas Mouróns e Forno Novo (M30), en Buño, cun orzamento de 126.903,11 euros.

● Mellora da capa de rodadura do vial na Feira Nova, en Leiloio, por importe de 30.095,48 euros.

● Mellora da capa de rodadura no vial de Buño ao cemiterio, cun investimento de 30.170,83 euros.

● Mellora da capa de rodadura do camiño de acceso ao núcleo da Lagoa, en Cerqueda, por importe de 34.840,46 euros.

● Mellora da capa de rodadura no núcleo de Xaviña, en Buño, cun orzamento de 39.846,79 euros.

● Mellora da capa de rodadura do vial ao núcleo de Bicerrán, en Cambre, por importe de 37.068,27 euros.


● Instalación de pasos de peóns elevados para a redución da velocidade en viais municipais de Leiloio, Buño e Seixas, e mellora da capa de rodadura no acceso a vivendas en Cerqueda, cun orzamento de 39.888,06 euros.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, salientou que este investimento responde a unha das principais prioridades do Concello: manter e mellorar as comunicacións entre os núcleos e garantir que a veciñanza dispoña de vías máis seguras e en mellores condicións.

“Estamos a falar de actuacións moi necesarias, que afectan directamente á vida diaria das persoas que viven nestes lugares e que utilizan estas estradas para desprazarse aos seus traballos, aos centros educativos, aos servizos ou ás súas vivendas”, explicou o rexedor. “A conservación da rede viaria municipal require un esforzo constante, porque contamos cun territorio amplo e con moitos núcleos dispersos, pero imos seguir avanzando para dar resposta ás necesidades que nos trasladan os veciños e veciñas”.

Parga destacou tamén que o proxecto combina intervencións de carácter xeral, como a renovación das capas de rodadura, con medidas concretas de seguridade viaria. “Non se trata unicamente de mellorar o firme. Tamén queremos actuar nos puntos nos que é necesario reducir a velocidade e protexer especialmente os peóns. A instalación de pasos elevados permitirá facer máis seguros determinados viais e mellorar a convivencia entre os vehículos e as persoas que camiñan”, sinalou.

As actuacións previstas distribuiranse entre as parroquias de Buño, Leiloio, Cerqueda e Cambre, permitindo atender necesidades detectadas en diferentes puntos do municipio. Entre as obras incluídas atópanse melloras en rúas e camiños de uso habitual, accesos a núcleos de poboación e vías próximas a equipamentos como o cemiterio de Buño.

O alcalde subliñou que a planificación das obras busca garantir unha distribución equilibrada dos investimentos. “O obxectivo é que os recursos cheguen ao conxunto do municipio e que as distintas parroquias poidan beneficiarse de actuacións que melloren as súas infraestruturas. Sabemos que aínda quedan necesidades por atender, pero este plan permítenos dar pasos importantes e continuar coa renovación progresiva da rede viaria”, afirmou.


Con estas actuacións, o Concello pretende continuar coa mellora e conservación da rede viaria municipal, intervindo en diferentes puntos do territorio e incorporando tamén medidas destinadas a reforzar a seguridade das persoas usuarias das vías. A renovación das capas de rodadura permitirá mellorar as condicións de circulación, mentres que os pasos de peóns elevados contribuirán a moderar a velocidade dos vehículos nos puntos nos que se considera necesario.

A proposta foi aprobada cos 6 votos favorables do Partido Popular e 7 abstencións dos grupos municipais do PSOE, BNG e AIM.

O acordo plenario permitirá avanzar na tramitación destas sete actuacións, que suporán un novo investimento en diferentes parroquias e núcleos do municipio. Segundo explicou o alcalde, o Concello continuará traballando para captar novos recursos e impulsar máis obras de mellora. “Seguiremos aproveitando todas as liñas de financiamento dispoñibles para atender as demandas da veciñanza e mellorar os servizos e as infraestruturas municipais. A nosa prioridade é que Malpica avance de maneira equilibrada e que todos os núcleos conten con condicións axeitadas”, concluíu Eduardo Parga.