«O Prezo Xusto» do CCA Carballo xa ten unha primeira gañadora

2 minutes read

O CCA Carballo fixo entrega do primeiro cheque agasallo de 50 euros da campaña «O Prezo Xusto», unha iniciativa que se desenvolve ao longo de todo o mes de xullo co dobre obxectivo de dinamizar as compras no comercio local e fidelizar a comunidade de seguidores do Centro Comercial Aberto nas redes sociais, especialmente en Instagram.


A primeira gañadora da campaña foi María del Carmen Calvo Feal, co-propietaria da cafetería O Mercado, quen conseguiu a estimación máis próxima ao valor real do escaparate. A súa proposta foi de 635 euros, fronte aos 641,45 euros que sumaban os produtos expostos, converténdose así na participante que máis se achegou ao prezo xusto.


A campaña continúa durante todo o mes de xullo, cun novo escaparate e un novo cheque agasallo de 50 euros semanal, ata completar un total de 200 euros en premios.


Para participar é necesario seguir a conta de Instagram do CCA Carballo, darlle «Gústame» á publicación semanal, etiquetar a outra persoa e escribir nos comentarios canto se estima que custa o escaparate. O prazo para participar remata cada venres ás 20.00 horas, e ás 21.00h dáse a coñecer o prezo real.


O premio será para a primeira persoa que acerte o prezo exacto ou, se ninguén o consegue, para quen máis se achegue sen superalo. Ademais, para poder facer efectivo o cheque agasallo será preciso presentar dous tickets de compra realizados en establecementos asociados ao CCA Carballo durante esa mesma semana, unha condición que busca incentivar o consumo no comercio de proximidade.


Desde o CCA Carballo agradecen a excelente resposta que está a ter esta proposta e animan á veciñanza a seguir participando nas próximas semanas. Ademais de optar a un dos cheques agasallo, a campaña pretende converter as redes sociais do CCA nun punto de encontro para dar maior visibilidade aos comercios asociados e manter unha comunicación máis directa coa súa clientela.