O profesor baiés Ricardo García Mira, distinguido pola Universidade de Bos Aires co título de «Doutor Honoris Causa»

3 minutes read

A Universidade de Bos Aires (UBA), unha das institucións académicas máis prestixiosas de América Latina e referente internacional na xeración de coñecemento, acordou hoxe concederlle ao profesor Ricardo García Mira (CITEEC – UDC) o título de Doutor Honoris Causa, en recoñecemento á súa sobranceira traxectoria científica, académica e institucional e ás súas relevantes contribucións internacionais nos ámbitos da psicoloxía social e ambiental, a sustentabilidade e o estudo das relacións entre as persoas e o seu contorno.

A decisión foi adoptada polo Consello Superior da Universidade de Bos Aires, na sesión celebrada este 10 de xuño de 2026. O acto solemne de investidura, no que Ricardo García Mira recibirá formalmente o título de Doutor Honoris Causa, terá lugar o próximo mes de novembro na sede da institución académica arxentina.

A concesión desta máxima distinción académica pon de relevo a dimensión internacional da traxectoria de García Mira e a súa contribución ao avance do coñecemento sobre algúns dos grandes desafíos sociais e ambientais do noso tempo.

O Rector, Ricardo Gelpi, preside a sesión do consello na que se aproba a investidura de Ricardo García Mira como Doctor Honoris Causa da UBA._Cedida.

Ricardo García Mira é catedrático de Psicoloxía Social e Ambiental da Universidade da Coruña, onde desenvolveu unha sobranceira traxectoria académica e investigadora durante máis de tres décadas. Doutor en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, foi director do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da Universidade da Coruña e profesor visitante e honorario en diversas e destacadas institucións internacionais. Así mesmo, foi recoñecido como Fellow da International Association of Applied Psychology (a Asociación Internacional de Psicoloxía máis antigua do mundo) e presidiu a International Association for People-Environment Studies (IAPS), unha das principais organizacións científicas mundiais no seu ámbito de especialización.

A súa produción científica contribuíu de maneira decisiva a consolidar a psicoloxía ambiental como un campo de investigación fundamental para comprender os procesos de transición ecolóxica, a sustentabilidade, a calidade de vida, a participación cidadá e a resposta social fronte ao cambio climático. Ao longo da súa traxectoria liderou e participou en numerosos proxectos europeos e internacionais centrados nos estilos de vida sostibles, a innovación social, a transición enerxética e as políticas públicas para a sustentabilidade.

A Universidade de Bos Aires quixo recoñecer non só a excelencia académica e científica de García Mira, reflectida nunha ampla produción investigadora e nunha intensa actividade internacional, senón tamén a súa capacidade para conectar o coñecemento científico cos grandes retos sociais da actualidade. O seu traballo contribuíu a fortalecer os vínculos entre a investigación, as políticas públicas e a cidadanía, promovendo enfoques innovadores para afrontar os desafíos ambientais e sociais desde unha perspectiva interdisciplinaria e humanista.

Esta distinción súmase a outros recoñecementos internacionais recibidos polo profesor García Mira e consolida unha traxectoria caracterizada polo compromiso coa excelencia académica, a cooperación científica internacional e a xeración de coñecemento orientado ao benestar das persoas e ao desenvolvemento sostible.

Con este acordo, a Universidade de Bos Aires incorpora a Ricardo García Mira á nómina de personalidades que, desde distintos ámbitos do coñecemento, realizaron contribucións excepcionais ao progreso científico, cultural e social, reforzando ao mesmo tempo os lazos académicos entre Europa e América Latina e promovendo unha visión da ciencia comprometida coa transformación social e a sustentabilidade.

O Profesor Ricardo García Mira, é Doutor Honoris Causa pola Universidade “Alexander Ioan Cuza” de Iasi (Rumanía, 2018); Catedrático Honorario do Instituto de Investigación en Políticas Públicas da Universidade de Bath (Reino Unido, 2016-2027)), Titular da Cátedra Honoraria “Ching-Ching Hung-Dao” da Universidade Nacional Tsing Hua (Taiwan, 2026), e Profesor Visitante das Universidades: Cornell University (Nova York, 2020); Universidade de Surrey (Reino Unido, 2003-2012); Universidade do Estado de Texas (San Marcos, USA, 2002), entre outras.