Tralo remate das formacións incluídas dentro do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Laracha, durante os vindeiros meses levaranse a cabo varios obradoiros centrados en habilidades clave para a busca activa de emprego.
As sesións que se realizarán ao longo do mes de xullo teñen como obxectivo reforzar as competencias e mellorar a empregabilidade das persoas participantes a través de diferentes contidos prácticos. Abordaranse os temas de «Mobilidade xeográfica», orientado a dar a coñecer oportunidades laborais e recursos para a procura de emprego noutros territorios; «Habilidades comunicativas, motivación e autoestima na procura de emprego», coa fin de fortalecer as competencias persoais e sociais necesarias para afrontar con éxito os procesos de selección; e o “Emprendemento cooperativo”, destinado a achegar unha alternativa de autoemprego baseada nos principios da economía social e cooperativa.
Nas accións formativas e prácticas non laborais en empresas que se realizan a través do Programa Integrado de Emprego téñense en conta as medidas de conciliación: tanto os horarios como as datas de realización son adaptados ás necesidades das persoas participantes. Á súa vez, perciben unha bolsa de 10 euros por día de asistencia ás accións.
Dende o programa realízase unha labor de prospección laboral, tanto achegándose ao sector empresarial comarcal como xestionando ofertas de emprego remitidas por empresas que se atopen na procura de persoal capacitado.
Se algunha persoa está interesada, pode poñerse en contacto co Programa Integrado de Emprego por teléfono nos 981309891, 981612811 e 621007079, ou por correo electrónico en programaintegradoemprego@alaracha.gal.
O Programa Integrado de Emprego da Laracha realízase co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.