O PSdeG da Laracha tira de retranca para pedir melloras no parque canino da vila

1 minutes read

A voceira socialista Inés Ramos criticou que teñan que ser os propios usuarios e usuarias quen teña que poñer do seu peto cordas, parches e bridas plásticas para asegurar o valado perimetral e evitar que as súas mascotas escapen cara á avenida Manuel Fraga ou a DP-2404.

Deste xeito, valeuse de retranca para presentar o “kit de bridas” co que a veciñanza ten que arranxar o parque canino ante o desleixo do goberno municipal. Para Ramos, o Concello da Laracha “vive de inauguracións” mentres “deixa que os servizos públicos se degraden ata ser perigosos”.

«O modelo de xestión do alcalde, José Manuel López Varela, resúmese en inaugurar con grandes titulares e abandonar ao día seguinte», sinalou.

A socialista detalla que o espazo se converteu “nunha trampa con fochancas perigosas na terra, a mangueira do bebedoiro solta polo chan, a falta de roza xera pragas de insectos, e a falta dunha dobre porta de seguridade, un erro de deseño clamoroso, deixa inutilizada a zona da marquesina e a ducha”.

A voceira avanzou que esixirá no vindeiro pleno o fin dos «parches caseiros» e a “execución dun plan técnico real que inclúa o nivelado do terreo, o arranxo do peche e a seguridade na entrada”. “Os impostos dos laracheses e das larachesas son de primeira, mentres que o mantemento deste goberno é de saldo”, concluíu.