Por outra bandda, o Partido Popular afirmaba nas redes que a idea de colocar unha pantalla foi súa, e que así llo pedía ao Goberno local. Dito sexa de paso, que tamén lle recriminan que do mesmo xeito pida en Santiago a apertura da ría de Baldaio ou unha ambulancia medicalizada.
O PSdeG-PSOE critica a falta de apoio explícito do goberno municipal do BNG á selección española no anuncio da instalación dunha pantalla xigante no aparcadoiro do Rego da Balsa para seguir a final do Mundial.
Os socialistas consideran positivo que o Concello cedese finalmente a instalar a pantalla tras a avalancha de peticións da veciñanza nos últimos días para poder seguir a final do Mundial nun espazo público. Sinalan que o goberno de Daniel Pérez tomou esta decisión “a regañadentes” despois dos centos de solicitudes recibidas e cando xa resultaba imposible seguir ignorando unha demanda amplamente compartida polos veciños e veciñas de Carballo.
O PSdeG-PSOE lamenta especialmente o contido do anuncio difundido nas redes sociais oficiais do Concello de Carballo. Trátase dun cartel informativo coa única imaxe dun balón, no que non aparece ningunha referencia a España, imaxe da selección, dos seus xogadores ou da súa camiseta, nin tampouco a bandeira nacional ou unha simple mensaxe de apoio ao equipo.
“É sorprendente que o Concello de Carballo anuncie a retransmisión dunha final da Copa do Mundo que disputa a selección española sen mencionar a España, sen empregar ningún dos seus símbolos e sen incluír unha soa mensaxe de ánimo”, afirman desde a agrupación socialista.
Para o PSdeG-PSOE, o goberno municipal actúa con evidente incomodidade ante unha celebración que moitos carballeses e carballesas viven con ilusión e absoluta normalidade. “Instalan a pantalla porque a veciñanza o pediu de forma masiva, pero presentan o acto como se fose unha retransmisión deportiva calquera, evitando identificar e apoiar o equipo que disputa a final, que é o noso equipo. O equipo de todos e todas”, sinalan os socialistas.
O PSdeG-PSOE de Carballo considera que goberno municipal de Daniel Pérez “debe deixar de lado os seus complexos e prexuízos ideolóxicos e representar a toda a cidadanía, acompañando con naturalidade un acontecemento deportivo desta magnitude”.
“Non se pedía ningún xesto extraordinario. Abondaba cunha imaxe da selección, unha bandeira ou unha mensaxe de ánimo. O goberno municipal preferiu omitir calquera referencia a España, mesmo cando organiza un acto precisamente para seguir á selección española”, conclúen.