O PSdeG de Coristanco esixe a clausura inmediata do pozo do CEIP Canosa–Rus tras coñecerse analíticas fóra da normativa

1 minutes read

O Grupo Municipal Socialista de Coristanco vén de presentar unha moción no Concello para reclamar a clausura inmediata do pozo construído no CEIP Canosa–Rus en 2025, logo de coñecerse que as analíticas iniciais da auga presentan parámetros que incumpren a normativa vixente.

O voceiro socialista local, José Manuel Pérez Abelenda, sinala ademais que os resultados de ditas analíticas foron ocultados durante meses polo goberno municipal.

“Na documentación recibida tras a intervención da Valedora do Pobo, xa que o goberno municipal intentou manter ocultas durante meses as analíticas, sinálase que éstas revelan parámetros fóra da normativa, o que supón que se puxo en risco a saúde do alumnado, profesorado e persoal do centro”, indica Pérez Abelenda.

O portavoz socialista lembra que se trata dun asunto que afectou e afecta ainda a día de hoxe de xeito directo a menores e ao persoal do centro, polo que considera imprescindible actuar “con urxencia e responsabilidade”.

A moción presentada insta ao Pleno municipal a adoptar tres medidas inmediatas. En primeiro lugar, a de clausurar o pozo do CEIP Canosa–Rus, impedindo o seu uso en calquera actividade vinculada ao centro.

Tamén insta a ordenar a desconexión total do pozo de todas as instalacións internas para evitar calquera utilización accidental e a remitir de forma inmediata toda a información ás autoridades competentes, incluíndo Consellería de Sanidade, Consellería de Educación, Inspección Educativa, Dirección do CEIP Canosa–Rus e ANPA do centro.

José Manuel Pérez Abelenda subliña que “é imprescindible garantir a seguridade sanitaria da comunidade educativa e poñer fin a unha xestión municipal que ocultou información clave e puxo en risco a saúde das persoas”.