O PSG gaña a súa segunda Champions League consecutiva guiados polo adestrador español, Luís Enrique Martínez, e grazas a un penalti lanzado por Dembéle que forzaba unha prórroga que acabaría en penaltis. O equipo francés acaba así co soño do Arsenal de conseguir a súa primeira Liga de Campións. Esta é a duodécima final que chega aos penaltis. A primeira foi en 1984 con triunfo do Liverpool ante a Roma e a última foi o triunfo do Real Madrid ante o Atlético en 2016. A quenda de penaltis PSG (4), Arsenal (3), terminaba cando Gabriel mandaba ás nubes o quinto lanzamento do equipo da Premier.
O partido empezaba sorrindo ao club adestrado por outro español, Mikel Arteta. No minuto cinco de partido, o alemán Kai Havertz, marcaba o primeiro gol do encontro e o Arsenal víase gañador en Budapest. Non houbo goles ata case sesenta minutos despois. No 64 un penalti cometido por Mosquera sobre Kvaratskhelia e lanzado por Dembélé, poñía o 1-1 no marcador, abrindo o camiño á prórroga e aos penaltis.