O PSOE acusa ao goberno local de Muxía de «facer o ridículo» na Semana Verde de Silleda

2 minutes read

O Grupo Socialista de Muxía denunciou este luns a situación vivida no stand municipal da Feira Internacional da Semana Verde de Silleda, asegurando que a presenza do Concello foi “un auténtico ridículo” e unha mostra da falta de interese do goberno local pola promoción turística do municipio.

Segundo denuncian os socialistas, o espazo reservado para Muxía permaneceu completamente baleiro durante as dúas primeiras xornadas do evento, incluída a inauguración oficial. A feira, unha das máis importantes de Galicia para a promoción turística, gastronómica e empresarial, ten unha duración total de catro días.

A formación asegura que a imaxe ofrecida polo Concello provocou sorpresa e malestar tanto entre a organización como entre os visitantes, que atoparon un stand sen ningún tipo de montaxe nin contido expositivo.

Sempre segundo a versión do PSOE, foi tras unha chamada de atención por parte da organización cando o goberno municipal decidiu actuar. A solución, afirman, consistiu na colocación de sete láminas fotográficas almacenadas na Casa das Beiras e dúas nasas tradicionais, unha actuación que cualifican de “recheo ridículo” para intentar disimular a ausencia dunha proposta promocional elaborada.

Os socialistas vinculan este episodio coa política turística desenvolvida polo executivo encabezado por Javier Sar desde a súa chegada ao goberno mediante unha moción de censura. Neste sentido, critican o que consideran unha perda de peso de Muxía en eventos de promoción turística e gastronómica, lembrando a desaparición de stands propios en citas como o Fórum Gastronómico de Galicia ou a Mostra do Encaixe de Camariñas.

O exalcalde e portavoz socialista, Iago Toba, foi especialmente duro nas súas declaracións. “Ver como este goberno trata a imaxe de Muxía é absolutamente lamentable. Pasamos de ser un referente de estratexia e liderado na promoción turística a ser a risa de todo un sector”, afirmou.

Toba engadiu ademais que “o goberno da moción de censura non representa nin é capaz de representar a grandeza e riqueza cultural, gastronómica, turística e patrimonial de Muxía”.

A polémica non remata aí. O PSOE tamén denuncia a ausencia de representantes do goberno municipal durante os catro días que durou a feira e reclama explicacións públicas sobre o sucedido. A formación conclúe esixindo responsabilidades políticas pola imaxe ofrecida en Silleda e lanza unha mensaxe directa ao executivo local: “Se non saben representar a Muxía, o mellor é que saian por onde entraron, pola porta de atrás”.