O PSOE de Coristanco critica ao goberno do PP por lavar as beirarrúas en plena vaga de calor

1 minutes read

O Grupo Municipal Socialista de Coristanco denuncia que “en plena onda de calor e con varios núcleos do municipio afectados por restricións de auga, o Concello decidiu levar a cabo tarefas de lavado de beirarrúas e espazos públicos”.

O portavoz socialista en Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, considera que esta actuación é “irresponsable, incoherente e contraria ás necesidades actuais de aforro hídrico”.

Dende o PSdeG local sinalan que, durante os últimos días, numerosos veciños e veciñas puxéronse en contacto co grupo socialista para denunciar que, mentres se lles esixe limitar o consumo doméstico, o goberno local “emprega grandes cantidades de auga potable para limpar pavimentos que poderían manterse mediante métodos alternativos menos agresivos e máis acordes coa situación de emerxencia climática”.

Segundo o voceiro socialista local, “esta decisión resulta especialmente grave tendo en conta que hai lugares que sofren restricións horarias que afectan a familias, comercios e explotacións agrícolas, e o propio goberno municipal debería cumprir e ser exemplo”.

“A cidadanía merece un goberno local que actúe con responsabilidade, coherencia e sensibilidade ante unha situación que afecta directamente ao benestar de todos”, afirma o socialista. “Lavar beirarrúas en plena ola de calor, mentres se pide aos veciños que reduzan o seu consumo, transmite unha mensaxe de desigualdade e falta de planificación”, engade.

Por esta razón, o Grupo Municipal Socialista solicita ao Concello a suspensión inmediata destas prácticas até que se normalice o subministro de auga, así como a adopción de métodos alternativos de limpeza como o varrido manual ou maquinaria sen consumo de auga potable.

“A crise climática esixe responsabilidade institucional, e o goberno local debe ser o primeiro en cumprir e respectar as medidas de aforro que lle pide á ciudadanía”, conclúe Pérez Abelenda.