O PSOE de Coristanco presentará no pleno unha moción para frear a planta de biogás de Soandres 

2 minutes read

O Grupo Municipal Socialista de Coristanco, a través do seu voceiro José Manuel Pérez Abelenda vén de rexistrar unha moción para o seu debate no próximo pleno na que solicita o rexeitamento institucional do proxecto dunha planta de biogás en Vista Alegre, na parroquia larachesa de Soandres, polo «grave risco que supón para o río Anllóns». 

O portavoz socialista considera que dito proxecto supón «un risco ambiental moi grave e inasumible para o Anllóns e para o benestar da poboación de Bergantiños». 

Pérez Abelenda lembra que o río Anllóns «é un dos principais valores naturais da comarca, vertebrando espazos agrícolas, zonas de lecer e ecosistemas de alto interese, ademais de ser un elemento esencial para a calidade de vida da veciñanza». 

«A proximidade da planta ao leito fluvial e o volume de residuos previsto, máis de 63.000 toneladas anuais de puríns, lodos industriais e subprodutos SANDACH, xeran unha preocupación crecente entre a cidadanía e entre colectivos ecoloxistas», lembra. 

O socialista argumenta que a instalación tamén produciría máis de 50.000 m³ de augas industriais ao ano e implicaría a circulación diaria de máis de 30 camións pola contorna, incrementando o risco de vertidos accidentais, filtracións e deterioro das infraestruturas próximas ao río. 

O Grupo Municipal Socialista solicita o apoio da Corporación Municipal para expresarlle á Xunta de Galicia o rexeitamento da planta de biogás dende Coristanco, así como a paralización inmediata da tramitación do proxecto ata contar con estudios independentes e actualizados sobre o seu impacto real, e informes técnicos específicos sobre a vulnerabilidade do río Anllóns ante posibles incidentes. 

A moción tamén propón trasladar o acordo ás consellerías competentes, a Augas de Galicia e á plataforma veciñal Stop Biogás A Laracha, ademais de informar á veciñanza de Coristanco sobre os riscos ambientais asociados ao proxecto e sobre as accións emprendidas polo Concello. 

Para Pérez Abelenda, «o Anllóns é parte esencial do noso patrimonio natural e non podemos permanecer alleos a un proxecto que pode afectar de maneira directa e irreversible ao noso territorio».