O grupo socialista de Muxía anuncia que denunciará aos membros do goberno local ante a fiscalía polo que consideran unha sucesión de irregularidades nos contratos cunha empresa “amiga” para as limpezas viarias.
Especifican os socialistas que teñen a información contrastada de que o goberno local encargou “a dedo” e sen contrato administrativo a unha empresa de seguros e reformas a limpieza no municipio aínda contando con informes de intervención e secretaría totalmente en contra e tamén que xa se atoparon con facturas que reflexan as irregularidades manifestas no proceso.
O caos organizativo das limpezas, a suposta existencia na empresa de personal sen contrato, xubilados ou de migrantes en situación de irregularidade, o descontrol horario e de datas das tarefas e as facturas pagadas polo goberno sen trazabilidade fixeron soar as alarmas a posibles irregularidades de caracter grave que acabarán na fiscalía, afirman os socialistas. Para todo esto, o portavoz do PSOE, Iago Toba, afirma contar con documentación administrativa e gráfica que corrobora todo o denunciable.
“Descubrimos facturas dunha mesma empresa correspondentes a limpezas, a supostos arranxos de instalacións ou incluso de desatascos dos que non existen no concello expediente, nin orzamento, nin especifican quen as encargou e que reflexan cantidades que superan o legalmente permitido”.
“A situación de descontrol das limpezas non é máis que a punta do iceberg dun caciquismo clientelar instalado neste concello dende a entrada do novo goberno de PP e IxM, apoiado polo BNG, que é consentidor de todo o que está a suceder”, prosegue Toba.
Así pois, os socialistas consideran que a situación non pode quedar oculta nos caixons da alcaldía para sobrevivir políticamente ante o que se considera unha loita de poder entre os distintos grupos que forman o goberno de coalición, e que pagan os veciños cos seus impostos e coa falta de limpeza e de servizos.
En calquera caso, de non producirse as oportunas explicacións públicas por parte do “desaparecido” alcalde Javier Sar, o grupo municipal socialista forzará un pleno para tratar de aclarar o que actualmente está sucedendo no concello de Muxía, conclúen.
0