O servizo de salvamento, socorrismo, vixilancia e primeiros auxilios da praia de Caión concluíu sen incidencias graves

2 minutes read

O servizo de salvamento, socorrismo, vixilancia e primeiros auxilios da praia de Caión concluíu despois de tres meses de actividade nos que o equipo encargado da seguridade do areal atendeu un total de 156 incidencias. A campaña desenvolveuse con normalidade e destacou, sobre todo, por ser un verán tranquilo e sen incidentes de gravidade entre os milleiros de persoas que desfrutaron da praia durante a tempada estival.

O servizo estivo operativo desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro, en horario de 12:00 a 20:00 horas, co obxectivo de ofrecer atención aos usuarios, previr situacións de risco e velar polo cumprimento das normas de uso do areal.

Entre as intervencións realizadas ao longo do verán destaca un único rescate, de baixa dificultade, que se produciu nunha xornada con bandeira verde e que foi resolto satisfactoriamente polo equipo de salvamento. Os incidentes de maior entidade estiveron relacionados con dous surfistas que sufriron cortes durante a práctica desta actividade e que precisaron ser trasladados en ambulancia a un centro médico. En ambos os casos as lesións non revestiron gravidade.

Un dos aspectos que máis incidencia tivo este ano foi o elevado número de atencións por picaduras de escarapote. En total rexistráronse 91 asistencias por este motivo, que representan máis da metade das incidencias contabilizadas durante a temporada. Trátase, en todo caso, de atencións realizadas directamente no areal polos efectivos do servizo.

A presenza de medusas foi puntual e concentrouse nunha única xornada a mediados do mes de agosto. A situación foi controlada sen que se rexistrasen picaduras nin incidencias entre os usuarios da praia.

O resto das asistencias corresponderon maioritariamente a pequenos cortes e outras lesións leves, resoltas sen maiores consecuencias.

Ademais da atención directa ás persoas usuarias, ao longo dos tres meses o persoal realizou un labor continuado de prevención, vixilancia e información sobre o estado do mar, así como de control das normas establecidas para o uso da praia. Tamén se levou a cabo diariamente o balizado das zonas nas que o baño está prohibido por presentar un maior risco debido ás condicións do mar e ás correntes.

O custo do servizo de salvamento, socorrismo e vixilancia da praia de Caión durante o verán ascendeu a 68.000 euros. Do mesmo xeito que no ano anterior, foi prestado pola empresa Top Rescue.