A Deputación da Coruña financia con 12.000 euros as obras de reforma e acondicionamento do Teleclub de Buño, un proxecto impulsado pola Asociación Veciñal Social e Cultural Teleclub de Buño para converter este histórico local nun espazo de encontro, convivencia e apoio comunitario fronte á soidade non desexada no rural.
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou as instalacións para coñecer as actuacións realizadas coa colaboración da Deputación e abordar coa entidade os novos usos sociais que terá o espazo unha vez rematada a rehabilitación.
Capelán destacou que esta actuación «é un exemplo claro do tipo dos proxectos que a Deputación apoia: iniciativas que nacen da propia veciñanza, que responden a necesidades reais das parroquias e que axudan a manter vivo o rural».
«A soidade non desexada é un problema cada vez máis presente, especialmente nas persoas maiores e no rural. Por iso é tan importante contar con locais sociais en boas condicións, accesibles e acolledores, onde a xente poida xuntarse, participar en actividades e sentirse acompañada», sinalou a deputada.
A axuda provincial permite acometer melloras no interior do local, entre elas a construción dunha nova parede de reforzo e illamento, o alicatado dos servizos, a instalación dun falso teito de pladur, a adquisición de dúas estufas de pellets para calefacción e a dotación de novo mobiliario. O obxectivo é garantir unhas instalacións máis dignas, confortables e adaptadas ás actividades que se desenvolverán no centro.
Coa rehabilitación do Teleclub, a asociación poderá poñer en marcha o programa «Acompáña-Te no Rural», unha iniciativa destinada a crear redes de apoio, encontro e socialización para persoas que viven situacións de soidade, especialmente entre a poboación maior, pero tamén entre outros colectivos vulnerables.
Un referente da vida social de Buño
O Teleclub de Buño é, desde hai décadas, un espazo de referencia para a vida social da parroquia. Ao longo da súa historia acolleu actividades pastorais, servizos comunitarios e reunións de entidades locais, entre elas asociacións veciñais e culturais, a comunidade de augas, a comisión de festas ou colectivos vinculados á tradición oleira da vila.
A Asociación Veciñal Social e Cultural Teleclub de Buño traballa na promoción da participación cidadá, a dinamización social e a mellora da calidade de vida da veciñanza. A través da colaboración con outras entidades da comarca e co movemento «O Rural Móvese», impulsa proxectos orientados á cohesión social, á loita contra o despoboamento e á creación de oportunidades de encontro para as persoas que viven no medio rural.