O Torneo Internacional de Fútbol Base SUB9 & SUB11 CUP pechou unha edición de éxito en Cerceda

1 minutes read

O Campo Municipal O Roxo baixou o telón dun intenso fin de semana de fútbol base co peche do Torneo Internacional SUB9 & SUB11 CUP, organizado por Tadi Sports coa colaboración do Concello de Cerceda. Ao longo de dous días de competición, as instalacións municipais acolleron equipos procedentes de clubs de primeiro nivel de Galicia, do norte de España e de Portugal.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, xunto aos concelleiros de Medio Ambiente e Deportes, Jesús Rama e Óscar Golán, acudiron ao evento e fixeron a posterior entrega de premios.

A cita, que alcanzou a súa III edición na categoría Sub-9 e estreou unha nova categoría de Sub-11, contou coa presenza de canteiras como as do Deportivo de la Coruña, Celta de Vigo, FC Porto, Sporting Clube de Braga, Real Oviedo, Vitória de Guimarães, C.D. Lugo e Rácing de Ferrol, entre outros clubs que completaron un cadro de máximo nivel. Como anfitrión exerceu o Atlético Cercedense.

O gañador sub 11 do torneo foi o Real Oviedo que se impuxo na final ao Ural. Na categoría sub-9, o FC Porto gañou superando na final ao RC Deportivo de la Coruña.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, valorou o desenvolvemento do torneo: «Cerceda demostrou esta fin de semana que é un escenario de primeiro nivel para o fútbol base. Ver os campos do Roxo cheos de canteiras de referencia a nivel peninsular e incluso europeo é un motivo para que esteamos orgullosos».