O Tribunal Supremo revogou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e confirmou a legalidade da autorización administrativa previa e de construción do parque eólico de Bustelo, situado entre Coristanco e Carballo.
No seu momento, o TSXG estimou o recurso interposto pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) e anulou, por non ser conforme a dereito, a decisión da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, do 28 de xuño de 2021, pola que se outorgou a citada autorización administrativa.
O Tribunal Supremo anula o fallo recorrido e reitera a doutrina establecida na sentenza ditada o 21 de marzo de 2025, que confirmou a legalidade do acordo administrativo que autorizou o parque eólico de Campelo promovido pola mesma empresa de enerxía eólica que o de Bustelo.
O proxecto de Campelo e o de Bustelo están promovidos por Greenalia cunha potencia de 40,5 e 45 megawatts, respectivamente, un investimento total de 75 millóns de euros e unha produción anual de 263,25 gigavatios hora, segundo o Observatorio Eólico de Galicia.
O Alto Tribunal aborda unha cuestión central nos eólicos galegos: a lexislación establece que os de menos de 50 megawatts teñen trámites máis sinxelos que corresponden á Xunta, mentres que os de máis de 50 implican máis pasos e deben pasar polo Goberno español.
O que denunciaron no seu momento numerosas entidades é que as empresas partían os parques para que tivesen menos de 50 megawatts.
Con todo, o Tribunal Supremo xa explicou no seu momento que o feito de compartir instalacións de conexión non implica necesariamente que sexa un único proxecto, senón que é necesario abordar as circunstancias concretas en cada caso.
A sala sinala na sentenza «a complexidade xurídica do asunto e que non se aprecia temeridade nin mala fe en ningunha das partes».
A sentenza é firme, pois contra ela non cabe recurso.