O xefe de reumatoloxía do CHUAC participará en Vimianzo nunhas xornadas técnicas do GALP Costa da Morte

1 minutes read

O GALP Costa da Morte, dentro do proxecto Pesca Saúde, convida a Javier de Toro, xefe de servizo de reumatoloxía do CHUAC, a participar nunhas xornadas técnicas que se celebrarán o vindeiro luns 25 de maio ás 18:00 h na Casa da Cultura de Vimianzo. O doutor centrará a súa intervención en sinalar os beneficios do consumo de produto pesqueiro no noso benestar dende o punto de vista da súa especialidade médica. O evento ten carácter aberto ao público e non precisa inscrición previa.

Francisco Javier de Toro Santos é xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC e vicepresidente do Colexio de Médicos da provincia da Coruña. Licenciado e doutor en Medicina e Ciruxía pola Universidade de Santiago de Compostela, actualmente é docente na Universidade da Coruña, onde imparte clases, entre outros, no Mestrado de Xerontoloxía Clínica da UDC.


Que son as Xornadas “Pesca Saúde”


Son xornadas técnicas centradas en diferentes temáticas nas que diferentes profesionais da saúde expoñen os beneficios do consumo de produto pesqueiro segundo a súa especialidade sanitaria.
A finalidade é divulgar, de maneira clara e rigorosa, os beneficios do consumo de peixe, marisco e outras especies mariñas de proximidade en diferentes ámbitos da saúde, desmontando mitos, achegando evidencias científicas actualizadas.
O proxecto Pesca Saúde nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias.