Os concellos da provincia da Coruña xa poden solicitar a súa adhesión á rede de Concellos Contra o Cancro

3 minutes read

A Asociación Española Contra o Cancro na provincia da Coruña abre hoxe o proceso de adhesión á Rede de Concellos Contra o Cancro, unha iniciativa financiada pola Deputación da Coruña que ofrece aos municipios a oportunidade de acadar o recoñecemento de concello comprometido na loita contra a enfermidade.

O recoñecemento de Concello Contra o Cancro, pon en valor aqueles concellos que traballan activamente fronte ao cancro ofrecéndolles un marco de traballo que permite ordenar, impulsar e ampliar as iniciativas que xa se están a desenvolver ou que se poidan impulsar, adaptándoas á realidade de cada territorio e mellorando o acceso aos programas da Asociación.

O programa, que foi presentado aos concellos no mes de abril, nace como unha estrutura estable de cooperación entre a Asociación e os concellos da provincia co obxectivo de avanzar en contornas máis saudables, reforzar o apoio comunitario e mellorar a calidade de vida da cidadanía. Os municipios que completen con éxito o proceso de avaliación obterán o recoñecemento oficial de Concello Contra o Cancro, paso previo para a súa incorporación á Rede.

Os concellos interesados poden acceder a nova landing da iniciativa: redeconcellos.contraelcancer.es na que poderán acceder aos requisitos necesarios para formar parte da mesma e a documentación que terán que presentar.

Requisitos

Para acceder ao recoñecemento, os concellos deberán acreditar actuacións en tres ámbitos fundamentais: a promoción da saúde, a atención a pacientes e familias e a participación social e o voluntariado. Entre outras medidas, deberán contar con iniciativas como espazos sen fume, actividades comunitarias de promoción da saúde, canles de coordinación cos recursos da Asociación e mecanismos de apoio ás estruturas de voluntariado presentes no territorio.

O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto ata o 2 de novembro de 2026, mentres que a resolución final do proceso está prevista o 14 de xaneiro de 2027. Os concellos que obteñan o recoñecemento recibirán o distintivo oficial nun acto institucional que terá lugar o 4 de febreiro de 2027, coincidindo co Día Mundial Contra o Cancro

A Asociación Española Contra o Cancro anima a todos os concellos da provincia a sumarse a esta iniciativa, que permitirá avanzar cara a unha provincia máis comprometida coa prevención, a saúde e o acompañamento das persoas con cancro e das súas familias.

Sobre a Asociación Española Contra o Cancro

A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. O cancro non só afecta a quen o padece, senón que impacta na súa familia, a súa contorna e en toda a sociedade. Afrontalo esixe unha resposta colectiva baseada no compromiso, a acción sostida e a investigación centrada nas persoas. Dedica os seus esforzos para mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas.

No seu ADN está estar ao lado das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se llo diagnostican; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. A Asociación impulsa a maior rede de investigación en cancro en España con máis de 3.000 investigadores, distribuídos en 160 centros de investigación en 38 provincias. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 157 millóns de euros en 792 proxectos.

A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.

Estruturada en 52 Sedes Provinciais, e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con máis de 35.000 persoas voluntarias, máis de 728.000 socios e 1.261 profesionais.