Os Premios da Industria Musical de Galicia elixen a The Rapants e á Fundación Paideia como Artista e Persoa do Ano 2026

3 minutes read
Estudo da Fundación Paideia.

Os II Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, impulsados por AGEM e a Xunta de Galicia, co apoio da Deputación da Coruña, veñen de anunciar aos proxectos seleccionados pola Xunta Directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais como Artista do Ano e Persoa do Ano 2026 nesta segunda edición dos galardóns. AGEM decidiu outorgar a The Rapants o Premio ao Artista do Ano 2026, mentres que, na categoría de Persoa do Ano 2026, foi elixida a Fundación Paideia.

Paralelamente, o público seleccionou por votación popular ao Surfing The Lérez como proxecto gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2026. A votación en liña finalizou o pasado martes, 27 de outubro, ás 23.59 horas, e a iniciativa máis votada nesta categoría aberta ás apartacións da audiencia foi o festival pontevedrés, que acada o mérito por segundo ano consecutivo, seguida en número de votos por outros queridos proxectos como Gulliver Fest e Osa do Mar. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais busca recoñecer aqueles festivais, concertos, salas e proxectos musicais que destacan pola organización, a atención ao público, a accesibilidade, os servizos, o ambiente ou o coidado de cada detalle, poñendo ás persoas espectadoras no centro e ofrecendo unha vivencia inesquecible.

En palabras de Josiño Carballo, tesoureiro de AGEM, «desde a Asociación Galega das Empresas Musicais recoñecemos a The Rapants co galardón ao Artista do Ano nesta segunda edición dos Premios PALCO, os Premios da Industria Musical de Galicia, porque representan unha das realidades máis estimulantes da música galega actual». 

E engade: «Coa creación de The Rapants Club, a banda de Muros foi quen de construír algo que vai moito máis alá dun disco ou dun concerto: unha comunidade na que o público se recoñece, coa que se identifica e da que quere formar parte. Encher o Multiusos Fontes do Sar cun proxecto propio, desde Galicia e cunha proposta dirixida especialmente a unha xeración nova, é un fito que merece ser celebrado e recoñecido. Demostra a capacidade do talento galego para mobilizar milleiros de persoas, crear referentes propios e conquistar espazos tradicionalmente asociados a grandes artistas estatais e internacionais». 

Finalmente, destaca: «The Rapants son hoxe embaixadores dunha escena musical galega viva, contemporánea e con moito que dicir, ademais dun exemplo de como a conexión co público pode converterse nunha das grandes fortalezas dun proxecto artístico». 

The Rapants.

Josiño Carballo anunciou, tamén, que «desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora de PALCO xunto á Xunta de Galicia, decidimos outorgar o recoñecemento á Persoa do Ano 2026 á Fundación Paideia», confirmando que este recoñecemento «responde ao seu compromiso sostido coa industria musical galega e a un labor de acompañamento, formación e profesionalización cuxo valor é difícil de cuantificar. Desde unha posición sen ánimo de lucro, Paideia leva anos ofrecendo ferramentas, oportunidades e apoio a artistas e proxectos emerxentes, contribuíndo a que o talento poida desenvolverse e atopar o seu lugar no sector». 

«A achega da Fundación Paideia vai moito máis alá da formación: representa unha guía constante para quen comeza, unha oportunidade para adquirir capacidades profesionais e un impulso decisivo para que novas propostas musicais poidan medrar, gañar visibilidade e construír unha traxectoria», engadiu Carballo. E concluíu: «Recoñecer á Fundación Paideia é recoñecer tamén a importancia de traballar colectivamente polo futuro da música galega, investindo nas persoas, no talento e nas condicións que fan posible unha industria máis sólida, preparada e sostible».

Ademais destes tres galardóns hoxe anunciados, un xurado profesional composto polas asociacións AGEM, AGATEC, TESGAL, AGPXC e CLUBTURA, xunto ás e aos gañadoras e gañadores da pasada edición dos premios, seleccionou un total de 42 proxectos finalistas nos Premios PALCO 2026, 3 por cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos premios. A noite do martes, 3 de novembro, daranse a coñecer os proxectos gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Compostela, onde tamén terá lugar a entrega dos galardóns.