O Museo de Corme reabrirá as súas portas o 3 de novembro cunha extensa programación

2 minutes read

O vindeiro martes, 3 de novembro, o Museo de Corme volverá a abrir as súas portas tras a tempada de verán. A devandita reapertura coincide coa presentación da programación que se estenderá  entre o 3 de novembro de 2026 e o 12 de xuño de 2027, unha proposta que reúne actividades creativas, obradoiros artísticos e iniciativas de divulgación cultural destinadas a achegar a arte, a historia e o patrimonio á cidadanía.

A programación inclúe obradoiros extraescolares para a cativada, actividades específicas para centros de Educación Primaria e Secundaria e propostas para alumnado de Bacharelato, ademais de accións vinculadas a distintas efemérides culturais e artísticas.

Entre as actividades dirixidas ao público infantil destacan propostas como o collage surrealista, a papiroflexia, a elaboración de decoracións de Nadal, as caretas e máscaras, a escultura Povera, os libros Pop Up, as flores de papel e o Land Art. Estas iniciativas buscan estimular a creatividade, a experimentación artística e a aprendizaxe a través da participación activa.

A axenda inclúe tamén obradoiros específicos para centros educativos, con contidos adaptados ás distintas etapas formativas. O alumnado de Primaria e as entidades poderán achegarse a técnicas e movementos artísticos mediante actividades como O gravado Ukiyo-e no Xapón, Emocións e sentimentos a través das obras de arte, Un museo en miniatura! ou Escape Room no Museo.

Para os institutos e o alumnado da ESO, a programación contempla propostas relacionadas coa arte e o territorio, así como coa museoloxía e a evolución das correntes artísticas. Entre elas figuran Arte ó aire libre: Pailos e Corme Aldea, A Museoloxía: os almacéns, A Museoloxía: as exposicións e A arte de antonte: A Posmodernidade.

A Axenda Didáctica complétase coa celebración de diferentes efemérides vinculadas á historia, ao patrimonio e ás artes, como o Día Internacional do Patrimonio Mundial, o Día Mundial das Artes, o Día das Artes Galegas, o Día Internacional dos Museos e o Día Mundial do Modernismo.

Os obradoiros para os centros educativos serán gratuítos e poderán realizarse mediante solicitude previa, ata o final da tempada baixa. As persoas interesadas nas actividades extraescolares deberán formalizar a inscrición a partir do 3 de novembro no propio museo, no Centro Cultural ou a través da Sede Electrónica do Concello de Ponteceso.

O museo abrirá as súas portas de martes a sábado laborables, en horario de 10.00 a 14.00 horas, aínda que durante o Nadal e a Semana Santa haberá programación e horarios especiais.

Reserva de actividades para entidades: sede.ponteceso.gal