Os principais sindicatos con representación en Galicia, CIG, CCOO e UXT, saíron ás rúas neste Primeiro de Maio

2 minutes read

Como vén sendo a tónica dos últimos anos as centrais CCOO e UXT marcharon nunha manifestación unitaria para a que nesta ocasión elixiron A Coruña para o seu acto principal.

No caso da CIG, o sindicato nacionalista levou a Lugo a súa manifestación principal, en resposta á «deriva golpista» do Partido Popular, nomeadamente a moción de censura en marcha no consistorio lugués.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamaba, antes de comezar a mobilización, «a facer unha xornada de loita baixo o lema ‘Contra o imperialismo, pola paz e pola soberanía’. Na Galiza chamamos a ter traballo digno e dereitos».

Na Costa da Morte, o BNG apoiou a concentración celebrada na Praza Otero Lastres de Cee este 1º de Maio, convocada pola CIG. Coa presenza de representantes do BNG das diferentes localidades da comarca, así como do deputado da formación nacionalista pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua.

Nun contexto marcado pola precarización laboral, a perda de poder adquisitivo e o incremento da carestía da vida, a CIG fixo un chamamento á mobilización nesta xornada reivindicativa do 1º de Maio.

O Secretario da Unión Local da CIG Cee, Xabier Santos, dou lectura no acto a un manifesto no que se salientou que na nosa comarca estamos a vivir un proceso de deterioro económico e social, sen unha aposta real pola industrialización nin polo emprego digno, mentres medra a dependencia de sectores marcados pola estacionalidade, os baixos salarios e a precariedade, especialmente no turismo e nos servizos, incluído o comercio, onde a eventualidade e a inestabilidade laboral son cada vez máis frecuentes.

A isto súmanse conflitos laborais abertos na negociación colectiva en sectores como os coidados, a conserva, o transporte, o comercio e a industria, e situacións como a de XEAL, onde se destrúe emprego mentres se manteñen beneficios empresariais e subvencións públicas.