Nerviosismo, alegría, euforia… Son varios os estados de ánimo que pode experimentar un neno cando está a piques de ver realizado algún dos seus maiores desexos. Pasa co Ratiño Pérez, co Apalpador ou Papá Noel e, por suposto, pasa tamén coa chegada dos Reis Magos de Oriente.
Se ben a situación actual que nos toca vivir implica respectar minuciosamente as normas, os nenos poderán ver ás Súas Maxestades tanto a pé de rúa como a través das redes sociais. Iso si, este ano non se lanzarán lambonadas desde as carruaxes.
Aquí vos deixamos o programa e os itinerarios da cabalgata dos Reis Magos nalgúns concellos da Costa da Morte.
A LARACHA
Este luns foi o primeiro día do desfile real que pasou polas parroquias de Cabovilaño, Lemaio, Vilaño, Lendo, Caión, Lestón (incluíndo Paiosaco) e Torás (incluíndo A Laracha). Este martes realizarase o percorrido polo resto das parroquias, rematando tamén na Praza do Concello tras outro itinerario polas rúas da capital municipal.

CARBALLO
Os Reis Magos chegan este martes pola tarde á Carballo. A Covid-19 non poderá cunha cabalgata que este ano contará cun itinerario máis longo, para evitar desprazamentos e concentracións de público. De feito, Carballo é un dos concellos que retransmitirá por streaming o desfile a través das redes sociais municipais e da páxina www.carballo.gal.
Este ano non haberá recepción persoal, pero Melchor, Gaspar e Baltasar están ofrecendo unha recepción virtual a todos os nenos e nenas que o solicitan, que xa son máis de 300.
VIMIANZO
O Concello de Vimianzo recibe este martes, 5 de xaneiro, ás Súas Maxestades os Reis Magos nunha cabalgata adaptada á situación sanitaria. O percorrido comezará ás 10:30 horas en Berdoias, e chegará a todos os núcleos das 14 parroquias do termo municipal.
Este ano non haberá recepción real e non se realizarán paradas. Desde o goberno local piden á veciñanza observar a comitiva desde as súas vivendas ou desde as rúas máis próximas, evitando aglomeracións.
Ademais, na Casa da Cultura haberá un acto con Melchor, Gaspar e Baltasar, en tres horarios diferentes. O primeiro pase será ás 16:30 horas, o segundo ás 18:00 horas e o terceiro ás 19:30 horas. Para acudir, será necesario sacar a entrada na billeteira deste espazo. As Súas Maxestades estarán no escenario, gardando sempre a distancia de seguridade, e o aforo será limitado.
CAMARIÑAS
Outro ano máis, a vila do encaixe recibirá á realeza por mar. Ás 11:00 horas deste martes as Súas Maxestades de Oriente comezarán a percorrer o municipio. Como sucede noutras localidades, non se farán paradas nin se lanzarán caramelos. Aínda así, os Reis están enviando ás casas de todos os nenos e nenas de Camariñas unha carta e unha bolsa de lambonadas.

ZAS
Neste concello os Reis Magos decidiron tomarse o seu tempo, polo que dividiron o itinerario real en dous días, entre o 4 e o 5. Así, na xornada de hoxe completarán un percorrido que lles permitirá ver e saudar ao maior número de nenos e nenas.
MUXÍA
A Cabalgata de Reis de Muxía intentará recrear un día máxico. Pasará por 90 núcleos, cun itinerario programado de 150 quilómetros e a duración aproximada será de 10 horas.
As súas Maxestades comezarán o traxecto no lugar de Agreiras, ás 9.45 horas, e rematarán na Sala da Camposa (sobre as 20.15 horas), onde haberá unha recepción por parte da veciñanza que o desexe.
A carruaxe real irá acompañada doutra carroza na que irá o carteiro real. Ademais, haberá partes do percorrido no que se combinarán varios espectáculos.
PONTECESO
Este martes, de 18:00 a 20:00 horas, as Súas Maxestades farán unha parada no pavillón de Ponteceso para recibir a todos os nenos e nenas que desexen velos e conversar con eles. Para garantir a seguridade, o saúdo aos Reis realizarase de forma individualizada.