O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este sábado xunto co director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, á Festa do Percebe do Roncudo de Corme. Esta celebración, que alcanza a súa 34ª edición, está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia desde 2014 e contribúe a promover a imaxe de Galicia como destino turístico de calidade, en liña coa Estratexia de Turismo 2030, ao tempo que pon en valor a tradición percebeira e mariscadora da comunidade. No acto tamén estivo presente o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato Martínez.
A Festa do Percebe de Roncudo é un exemplo de festa local que aposta polo produto local e pola promoción da cultura mariñeira como ferramentas dinamizadoras do destino. Turismo de Galicia ten investido nos últimos anos máis de 28.000€ na promoción desta cita a través da axuda para a celebración de festas de interese turístico de Galicia.