Dende as 12:00h deste mércores 29 e con saída dende varios puntos da parroquia de Soandres, a veciñanza da Laracha está convocada pola Plataforma Stop Biogás A Laracha a realizar unha peregrinación popular en defensa do territorio e contra o proxecto de macroplanta de biogás. O punto de chegada será o Mosteiro de Soandres, onde os veciños serán recibidos por gaiteiros da Asociación Cultural Queiroga, antes de dar comezo a misa.
“Unha xornada para camiñar e compartir as nosas raíces, fortalecer a unión da veciñanza e reafirmar o noso compromiso coa defensa da nosa terra, da nosa auga e do noso patrimonio”– Con estas palabras describen os obxectivos desta actividade, dende a Plataforma Stop Biogás A Laracha, que anuncian tamén que continuarán con diversas accións e pasos en todos os ámbitos posibles contra este proxecto.
Á preocupación inicial hai que sumar agora, afirman, o grave problema de seca e da falta de caudal continuo, no punto do río Anllóns onde a planta de biogás chegaría a verter o equivalente a 2.000 camións cisterna de residuos líquidos, co grave impacto que suporía para o propio río, a súa biodiversidade e á saúde de milleiros de persoas das poboacións dos concellos que atravesa o Anllóns e que usan a auga deste río.
A peregrinación popular terá saída en diversos puntos da parroquia:
-Bar Estanco – Villamir: 12:15 h
-Bar Paco – Borreiros: 12:00 h
-Campo de Medado (marquesina do cruce a Boimir): 12:00 h
-Chegada ao Mosteiro de Soandres: 12:45h
-Recibimento dos gaiteirosMisa de Santa Marta: 13:00h