Ponteceso celebra o Día do Himno cun recital poético-musical e un vídeo

1 minutes read

O 20 de decembro de 1907 tivo lugar no Gran Teatro da Habana (Cuba) a primeira interpretación solemne do Himno Galego. E para conmemorar esta data histórica, O Concello de Ponteceso e a Fundación Eduardo Pondal celebran este venres, por segundo ano consecutivo, unha serie de actos con motivo do 112º aniversario da súa estrea.

A xornada arrinca cun recital poético no salón de actos do IES Eduardo Pondal, no que participan os alumnos/as de primaria do CEIP Eduardo Pondal acompañados polos estudantes de 3º da ESO. Un total de 112 escolares dan lectura a algúns dos poemas máis coñecidos do bardo pontecesán combinados coa música tradicional dos Gaiteiros do Centro Coreográfico, que tamén estarán presentes no acto. Ao remate, chega un dos momentos máis emotivos, coa interpretación conxunta do himno galego.

Pola súa banda, o Concello de Ponteceso tamén editou un cartel conmemorativo coa imaxe do poeta e a letra do himno así como un vídeo, realizado por Omar Rabuñal, no que aparece a cantante Irma Macías interpretando o que, sen dúbida, é un dos símbolos máis respectados por todos os galegos e galegas. Se non volo queredes perder, permanecede atentos mañá ás nosas redes sociais.

Antecedentes

A Corporación Municipal de Ponteceso aprobou en marzo do ano pasado a declaración do 20 de decembro como Día do Himno Galego en Ponteceso para conmemorar así a data na que se interpretou por primeira vez na Habana (Cuba). Dito acordo incluía tamén a elaboración dun programa de actos institucionais cos que contribuír a acrecentar o coñecemento do Himno e dos seus autores: Eduardo Pondal, autor do texto e natural de Ponteceso, e Pascual Veiga, autor da música e natural de Mondoñedo.