Pontón exemplifica en Zas o modelo municipal de éxito do BNG que transforma en positivo e mellora a vida da xente

2 minutes read

A portavoz nacional, Ana Pontón, exemplificou no concello de Zas o modelo municipal de éxito do BNG que “transforma en positivo a vida da xente” e que demostra a súa capacidade para xerar dinamismo económico, social e cultural cunha xestión de eficacia e eficiencia dos recursos.

Zas é un exemplo da “capacidade de transformación e bo goberno dos concellos BNG”, remarcou, para destacar a continuación outra das características que definen os gobernos locais da formación nacionalista, “a participación e a escoita activa da veciñanza”.

Así o afirmou logo dun encontro xunto ao alcalde, Manuel Muíño, con todo o tecido asociativo do concello, de ámbitos tan distintos como o veciñal, o comercial, o educativo, o cultural ou o deportivo, “entidades que están traballando para xerar máis dinamismo e que son unha parte moi importante da vida de Zas”, subliñou.

O rexedor agradeceu a visita da portavoz nacional ao concello e mostrou o seu convencemento de que recollería e canalizaría as inquedanzas e preocupacións do tecido social, económico e cultural de Zas para impulsar solucións.     

Pontón salientou o traballo desenvolvido por Muíño ao longo de todos estes anos á fronte do goberno municipal, demostrando que o BNG ten “unha forma diferente de gobernar” da que salientou, en primeiro lugar, a defensa dos servizos públicos e nomeadamente da sanidade.

Neste sentido, recordou como o goberno municipal está a defender xunto á veciñanza o dereito das nenas e nenos de Zas a “ter pediatra como en calquera outra parte do País” porque “non son nenos e nenas de segunda”, remarcou, ante o deterioro da sanidade pública por parte dun Goberno do PP que é “incapaz de poñer solucións e forma parte do problema”.

A portavoz nacional tamén destacou como o BNG antepón a terra e aos veciños e veciñas aos intereses dunha multinacional, en alusión á mina que o Executivo de Alfonso Rueda quere reactivar en Coéns e que afectaría tamén, ademais de a Zas, aos concellos de Laxe e Cabana. Neste punto avanzou que o BNG manterá a oposición a un “proxecto colonialista” que quere extraer os recursos naturais sen deixar máis beneficio que “destrución e problemas medioambientais”.

Pontón tamén sinalou aos concellos BNG como referentes do “traballo man a man” coa veciñanza para poñer en marcha proxectos que melloran a vida das persoas. Proxectos de futuro, por exemplo, como o parque científico-tecnolóxico que Zas está a desenvolver en colaboración coa Universidade da Coruña, demostrando que é posible xerar emprego e valor engadido tamén no rural.

“Levamos moito tempo traballando neste concello co respaldo maioritario dos veciños e veciñas de Zas e isto é así precisamente porque os concellos BNG marcan a diferenza”, concluíu.