Os concellos de Zas, Laxe e Cabana de Bergantiños veñen de presentar de forma simultánea e coordinada un recurso de reposición contra o acordo de autorización do permiso de investigación mineira ‘Jorge Reyes’, outorgado pola Xunta de Galicia.
A actuación conxunta dos tres concellos constitúe unha resposta institucional de carácter coordinado, ao tratarse dun recurso único no que se comparte argumentación xurídica, técnica e territorial. Esta unidade responde á existencia dunha afección continuada e interconectada sobre os tres termos municipais, que non pode ser analizada de forma illada.
O recurso subliña que a cuadrícula mineira autorizada constitúe unha actuación continua con efectos acumulativos sobre a realidade física, urbanística, ambiental e socioeconómica dos tres municipios, polo que a súa análise require unha visión territorial conxunta. Ademais, detéctanse diverxencias relevantes entre a cartografía mineira empregada no expediente e outras fontes oficiais como o Plan Básico Autonómico ou a cartografía catastral, o que afecta á delimitación real das zonas potencialmente impactadas e á identificación de parcelas concretas e usos existentes.
Afección diferenciada por concellos
No caso de Cabana de Bergantiños, a documentación evidencia unha cuestión singular: o Plan Básico Autonómico non identifica cuadrícula mineira equivalente no termo municipal, a pesar de que o permiso o inclúe como zona afectada. Esta circunstancia obriga a unha motivación reforzada da súa inclusión e á identificación precisa das parcelas e actuacións previstas. Ademais, o recurso destaca a posible afección ao Dolmen de Dombate, Ben de Interese Cultural, cuxa protección inclúe non só o xacemento, senón tamén a súa contorna e percepción paisaxística. Por este motivo, advírtese da necesidade dunha análise patrimonial específica previa e dun informe expreso de compatibilidade por parte do órgano competente en patrimonio cultural.
En Laxe, o recurso sinala que a cuadrícula mineira se proxecta sobre zonas de uso forestal e rural, con presenza de infraestruturas locais, camiños e parcelas privadas, sen que exista unha análise suficientemente individualizada da compatibilidade urbanística e ambiental. Advírtese tamén da superposición con usos reais do solo e da falta de correspondencia clara entre a cuadrícula e a realidade catastral.
En Zas, a cuadrícula afecta a unha contorna de elevada sensibilidade arqueolóxica, con presenza de varias mámoas catalogadas, entre elas a Mámoa do Couso do Monte, Mámoa de Suacosta, Mámoa de Tras da Senra e Mámoa do Alto do Pedroso. O recurso advirte especialmente da situación da Mámoa de Tras da Senra, onde parte dos traballos previstos poderían situarse dentro da súa zona de protección integral, o que require unha avaliación patrimonial previa e exhaustiva antes de calquera actuación.
Recurso conxunto
Os tres concellos subliñan que esta actuación conxunta responde a unha situación excepcional, na que a magnitude da afección territorial fixo necesaria unha resposta institucional coordinada e plenamente aliñada.
Non se trata dunha suma de actuacións individuais, senón dun posicionamento único e compartido, tanto na estratexia xurídica como na interpretación técnica do expediente, co obxectivo de garantir a protección do territorio, do patrimonio e da seguridade da veciñanza.
Os tres gobernos locais reiteran o seu compromiso coa defensa do interese xeral da cidadanía, a protección do medio natural e a preservación do patrimonio cultural e paisaxístico, así como a súa vontade de manter unha coordinación permanente durante todo o procedemento administrativo.