O BNG de Bergantiños vén de entregar os Premios BNG (Bergantiños Negocios en Galego), que recoñecen ás empresas que contribúen á presenza normalizada da lingua galega no ámbito económico, demostrando que o idioma tamén é unha lingua de empresa, innovación, calidade e futuro. Estes premios son unha continuidade e, ao mesmo tempo unha renovación, dos Premios Patria e Lingua, que se viñan celebrando na comarca de Bergantiños hai uns anos.
Os negocios premiados foron “Fíos de Cores”, en Ponteceso; “Libraría Risón”, en Laxe; “María Moda”, na Laracha; e “Lenda”, en Carballo. Representantes de cada establecemento premiado recibiron un agasallo da man dos portavoces municipais do BNG das localidades onde están situados.
O BNG destacou que “nestas empresas a lingua galega forma parte da súa maneira de traballar, de atender á clientela, de crear confianza e de construír relacións”. A formación nacionalista, con estes premios, quere pór en valor ás empresas que crean riqueza na comarca e que fan do galego unha ferramenta útil para comunicar, diferenciarse e fortalecer a confianza coa súa clientela.
O acto de entrega dos premios tivo lugar na Eira Bar de Ponteceso, e contou coas intervencións de Fátima Rodríguez, portavoz do BNG de Ponteceso; Daniel Pérez, alcalde de Carballo; e Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento galego.
No evento, que formou parte da celebración da semana da Patria Galega (25 de xullo), tamén estiveron presentes representantes do BNG das sete localidades da comarca. Ademais do responsable comarcal, Xosé Manuel Pose; o deputado do BNG por Bergantiños no Parlamento galego, Oscar Insua; e o responsable comarcal de Lingua do BNG Bergantiños, Xosé Cotelo.