O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, participou este xoves na presentación da 29.ª edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo, unha cita declarada Festa de Interese Turístico de Galiza que se celebrará os días 3 e 4 de xullo cunha ampla programación cultural, gastronómica e musical.
Durante o acto, celebrado no Castelo de Vimianzo, Xosé Penas destacou o «firme compromiso» da Deputación co evento e sinalou que «o Asalto ao Castelo é o exemplo perfecto de como o patrimonio histórico e a memoria colectiva poden revivir a través da cultura, a gastronomía e a festa». O deputado puxo tamén en valor o papel da veciñanza na consolidación dunha celebración que, segundo indicou, «sen o pobo non sería posíbel».
Na presentación participaron tamén a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o portavoz da organización e membro da AC Cherinkas, Manuel Rial; Marta Miñones, en representación de AXVALSO; Loreto Rodríguez, responsábel de medios gañados de Hijos de Rivera; Vanessa Caamaño, do Terra de Soneira C.D.; e Cristina Landeira, en representación do sector hostaleiro dos Pinchos Irmandiños.

O festival, que chega á súa 29.ª edición, contará cun cartel musical encabezado por ETS, Dakidarría, Los de Marras, Che Sudaka ou De Ninghures, ademais dunha extensa programación paralela con actividades culturais, deportivas e gastronómicas que se desenvolverán ao longo de varias semanas.
Entre as principais novidades desta edición figura a aposta reforzada pola sesión vermú do sábado, con tres grupos no Espazo Neghra Sombra, así como a ampliación das actividades culturais coa incorporación do Festival Atlántica.
A programación inclúe tamén a XV Cea Medieval, os XVII Pinchos Irmandiños, a X Legua Irmandiña, actividades infantís, recreacións históricas, obradoiros e a tradicional recreación do Asalto ao Castelo, que volverá converter a fortaleza soneirá no epicentro da festa irmandiña.
A organización informou ademais de que este ano será necesaria entrada para acceder ao recinto de concertos tanto o venres como o sábado, e anunciou que a venda das entradas para a XV Cea Medieval comezará o vindeiro 28 de maio.