A voceira do PSdeG da Laracha, Inés Ramos López, presentou ditas alegacións xunto á deputada autonómica Patricia Iglesias Rey, realizando unha rolda de prensa conxunta na que explicaron que estas se fundamentan nas consecuencias que o proxecto tería na veciñanza e o medio.
Ramos López enumera «a afectación ao día a día e á saúde dos veciños e veciñas, desprotección do noso patrimonio arqueolóxico, contaminación do río Anllóns, río que dá de beber á case toda a comarca, entre outras cuestións».
«Tamén mencionamos o informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, no que, nun proxecto análogo» noutra ubicación do territorio galego, explica, pronunciouse «alto e claro e manifestaba que este proxecto non era viable medioambientalmente».
«Dende o PSOE da Laracha estamos esperando con ansia ver que é o que di respecto ao caso de Soandres Augas de Galicia», afirma a voceira socialista local.
Criticou así mesmo que o alcalde da Laracha «se posicione ó lado dos veciños a través dunha moción presentada polo Partido Socialista, pero cando chega a Santiago a cousa é moi distinta». «Alcalde, fale cos seus compañeiros, dígalles que reciban aos veciños e veciñas e que reflexione sobre a súa postura neste punto», subliña a socialista.
Ramos, en referencia a un dos lemas coreados na manifestación veciñal celebrada o 9 na que o PSdeG estivo presente, pide a Alfonso Rueda que escoite «porque a Laracha está en loita», e cando se trata de defender os dereitos e os intereses dos veciños e veciñas «non hai que dar ningún paso atrás».
Pola súa banda, Patricia Iglesias indicou que «no Parlamento de Galicia se amosou esa hipocresía da que falaba a nosa voceira Inés Ramos», e salientou que «a conselleira non respondeu á demanda dos veciños» e da plataforma veciñal en contra do proxecto.
Para Iglesias, pronto se verá se o goberno galego, Augas de Galicia o informe de declaración de impacto ambiental se pronuncian respecto a esas afectacións negativas, agardando «que estea á altura tanto o concello e o seu alcalde como tamén ao goberno galego e rexeite a planta de biogás de soandres na ubicación prevista».