Presentado o programa de actividades da Laracha para o curso 2026-2027

3 minutes read

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura e Deportes, Patricia Bello, presentaron a programación municipal de actividades para o curso 2026-2027, unha proposta que reúne un total de 40 actividades culturais, deportivas e de ocio pensadas para públicos de diferentes idades e intereses, e que volve apostar por facilitar o acceso da veciñanza a alternativas para aprender, fomentar os estilos de vida saudables mediante a actividade física, desenvolver a creatividade e compartir tempo con outras persoas.

A programación distribúese en 13 actividades infantís, 8 xuvenís e 19 para persoas adultas. Entre as novidades desta edición destacan a incorporación do ioga infantil, o funcional cardio para público xuvenil, o novo Laboratorio de Innovación Xuvenil, orientado á creación de proxectos e ao desenvolvemento de ideas empregando a tecnoloxía como ferramenta, e a artesanía en coiro para persoas adultas.

No apartado infantil (nados a partir de 2015) mantéñense propostas xa consolidadas en edicións anteriores xunto con novas disciplinas. A oferta inclúe fútbol sala, ioga infantil, informática, manualidades e debuxo, pádel, patinaxe, Pequecociña, robótica e gaming, teatro, tiro con arco, xadrez, ximnasia rítmica e zumbea kids.

Para a mocidade (nados entre 2008 e 2014), a oferta estará formada por cerámica, funcional cardio, pádel, teatro, tiro con arco, Laboratorio de Innovación Xuvenil, voleibol e xadrez.

As persoas adultas terán á súa disposición adestramento funcional, artesanía en coiro, arte floral, bailes latinos, cerámica, cociña, encaixe de palillos, informática, ioga, labores de tecido, macramé, manualidades e pintura ao óleo, pádel, pilates, restauración e tapizaría, teatro, tiro con arco, ximnasia de mantemento e zumbea.

A inscrición abrirase en dúas quendas. Nas actividades infantís e xuvenís o prazo comezará o mércores da semana que vén, 16 de setembro, ás 9:00 horas, mentres que para as actividades dirixidas a persoas adultas principiará o 23 de setembro no mesmo horario. En ambos os casos, o trámite poderá realizarse presencialmente na Casa da Cultura, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou ben en liña a través da web municipal www.alaracha.gal/actividades. Dita web foi renovada, mellorada e actualizada, polo que se requirirá que todos os usuarios creen nela unha conta nova antes de realizar as inscricións.

A cota xeral de inscrición será de 40 euros, mentres que para as persoas menores de idade e maiores de 65 anos será 20 euros. Ademais, as familias numerosas e as unidades familiares nas que todos os seus membros se atopen en situación de desemprego contarán cunha redución do 50 %.

Con esta programación, o Concello mantén o seu compromiso de ofrecer unha ampla variedade de actividades a prezos accesibles, combinando propostas deportivas, culturais, formativas e de ocio e incorporando cada ano novas alternativas para ampliar as posibilidades de participación e adaptarse ás inquedanzas da veciñanza.

A programación municipal de actividades compleméntase con Saudables, a iniciativa presentada recentemente e que incorpora propostas centradas na promoción de hábitos de vida saudables, o envellecemento activo e a prevención da soidade non desexada.

Toda a información sobre as actividades, incluídos os horarios e as localizacións, está dispoñible na web municipal alaracha.gal.