O Concello de Carballo presentou os novos medios e infraestruturas para a xestión integral das súas praias durante a tempada estival e o resto do ano. A estratexia municipal combina un importante avance na accesibilidade do litoral e na protección ambiental e o respecto aos ecosistemas sensibles.
Dentro das melloras estreadas esta tempada, os areais de Razo e A Pedra do Sal contan con novas zonas de sombra accesibles, deseñadas para que persoas con mobilidade reducida ou necesidades especiais poidan gozar da praia con confort e protexidas do sol directo.
Para testar este novo servizo, hoxe recibimos a visita do vicepresidente primeiro e o tesoureiro da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Ramón Sestayo e Álvaro García, que puxeron en valor o esforzo realizado polo Concello de Carballo para mellorar a accesibilidade das praias, ao tempo que apuntaron algunhas propostas para seguir mellorando. O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro Luis Lamas tomaron boa nota.
Tamén se presentaron, xunto co persoal da empresa encargada do servizo de limpeza de praias, os novos medios destinados a seguir avanzando cara a excelencia. O Concello de Carballo vén de adxudicar o contrato, por un importe de 190.060,42 euros anuais e unha vixencia de catro anos, á empresa Acciona.
Unha das características que distingue o litoral carballés é que o servizo de limpeza estará activo durante os 12 meses do ano, garantindo o coidado constante do litoral e poñendo o foco prioritario no espazo protexido de Baldaio. Pero a principal novidade operativa é a prioridade absoluta da limpeza manual sobre a mecánica para evitar o impacto de vehículos pesados na contorna costeira. Con esta metodoloxía minuciosa garántese a protección da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha especie vulnerable que aniña na area.
O servizo execútase baixo as estritas directrices da certificación ambiental EMAS e inclúe novos medios: unha desbrozadora de pequeno tamaño e un novo vehículo 4×4, novas illas de reciclaxe selectiva fabricadas en madeira certificada e paneis de VIROC (material mineral-madeira de alta durabilidade e sen plásticos), o balizamento preventivo nos espazos dunares máis sensibles, e a limpeza e posta a punto de casetas de salvamento, aseos públicos e mobiliario urbano.
Este dispositivo de limpeza serve de soporte fundamental para o programa municipal ‘Eu quero Razo-Baldaio’, que desenvolve actividades de turismo consciente ata setembro, ou para a Praia dos Libros, unha bibliopraia que presta servizo en Razo desde mediados de xullo ata finais de agosto.
Con todas estas actuacións, o Concello de Carballo consolida os estándares que lle valeron recoñecementos como a Bandeira Azul e as certificacións ISO 14001 e EMAS, que nos consolidan como un destino punteiro na Costa da Morte. “Queremos praias vivas e para todo o mundo. A incorporación das novas zonas de sombra e a aposta por unha limpeza manual os 365 días amosan o Carballo que queremos: un concello que elimina barreiras e que sabe protexer o seu patrimonio natural máis valioso”, manifestou o alcalde.