Preto de 100 participantes no campus de fútbol que organiza o Concello da Laracha

1 minutes read

Nesta semana estase a desenvolver unha nova edición do campus municipal de fútbol, unha das propostas incluídas na programación estival de actividades culturais e deportivas que presenta unha mellor acollida atendendo ao número de inscritos. Este ano participan preto de cen rapaces repartidos en dúas quendas por grupos de idade.

Durante o campus os nenos realizan adestramentos, xogos e diferentes actividades lúdico-deportivas adaptadas ás súas idades, sempre co fútbol como principal elemento vertebrador. As sesións están dirixidas por técnicos e monitores especializados que fomentan tanto a aprendizaxe deportiva como os valores do compañeirismo, o respecto e o traballo en equipo.

A actividade desenvólvese nos campos Municipal da Laracha (5 a 9 anos) e A Porta Santa de Paiosaco (10 a 15 anos) desde o luns e ata o venres en horario de 10:30 a 13:30 horas.

No día de hoxe, o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, visitaron aos participantes para interesarse polo desenvolvemento da actividade e compartir un tempo cos nenos.