A selección española de fútbol non puido pasar do empate ante a de Cabo Verde no arranque do grupo H no Mundial 2026, un partido sen goles (0-0) que supón a primeira gran sorpresa do campionato. España adoeceu de certa lentitude no seu primeiro encontro e mostrou carencias ofensivas neste enfrontamento teoricamente tan desequilibrado entre a vixente campioa de Europa e unha debutante nun Mundial, claramente o equipo máis débil do cuarteto que completan Arabia Saudita e Uruguai. España saíu dominante co reciente fichaxe do Real Madrid Cucurella coma o xogador máis incisivo. O lateral insistiu apurando liña de fondo e servindo balóns atrás que Ferran Torres non acertou a converter. Primeiro atopouse co pau no minuto 38 e despois, no 43, cun Vozinha, meta caboverdiano ao que o partido lle puxo no mapa; máis aínda na súa parada abaixo a un cabezazo de Laporte xusto antes do descanso. Na segunda metade Fabián en tres ocasións, Oyarzabal en dúas, Laporte e Mikel Merino cun remate… ningún deles puido bater a Vozinha nin a un Pico Lopes, central caboverdiano, que estivo pegañento na marca dos atacantes de España. Buscou o choque e tapou ocos para botar por terra un remate de Oyarzabal no 88. Ao remate, alegría de Cabo Verde ante a decepción de España.
0