O Concello de Carballo súmase un ano máis á Semana Europea da Mobilidade, que nesta edición se celebrará do 13 ao 22 de setembro co lema Mobilidade para todas as persoas. A programación municipal traduce ese lema en 16 propostas que poñen o foco non só nos medios de transporte, senón tamén nunha maneira diferente de entender o espazo urbano: máis segura, máis accesible, máis saudable e con maior protagonismo para peóns e bicicletas.
A Semana Europea da Mobilidade ten, ademáis, un marcado carácter transversal e participativo. Xunto á Concellaría de Mobilidade colaboran as áreas municipais de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística e de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, ademais da Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Sísamo, Club Ciclista Carballo, Policía Local, Protección Civil, Senda Nova, María Vilanova, Asociación Íntegro, Asociación Un Paso Máis e O’Largo SIM Experience. Todos participaron hoxe na presentación das actividades.
Un dos principais eixos do programa é a mobilidade activa. As rutas urbanas e interurbanas en bicicleta, a marcha nórdica, as andainas e os percorridos polas sendas Cicl-Ando Carballo buscan fomentar alternativas ao vehículo privado nos desprazamentos cotiáns e, ao mesmo tempo, dar a coñecer itinerarios xa existentes no municipio. A ruta en bicicleta ata Razo e a marcha nórdica, por exemplo, discorrerán pola rede de sendas Cicl-Ando Carballo.
A seguridade viaria constitúe outro dos ámbitos cun maior peso. O programa inclúe actividades específicas para que os nenos e nenas aprendan desde pequenos a desprazarse con seguridade en bicicleta ou patinete, tanto a través do circuíto infantil na Praza do Concello como da actividade de Seguridade Viaria con Apego para menores de ata seis anos. Tamén a ruta urbana en bicicleta permitirá practicar a circulación por distintos barrios da vila nun contexto acompañado e seguro.
A programación pretende tamén eliminar barreiras para acceder á mobilidade ciclista. Nesa liña sitúanse dous talleres moi prácticos: un para aprender a realizar reparacións básicas e outro pensado especificamente para persoas de calquera idade que aínda non saben andar en bicicleta. Este último parte dunha idea moi sinxela: para incorporar a bicicleta aos hábitos de mobilidade, o primeiro é que todo o mundo teña a oportunidade de aprender a utilizala.
A accesibilidade e a inclusión serán igualmente protagonistas. O 18 de setembro celebrarase o Día da Accesibilidade cun circuíto de bicicletas adaptadas organizado pola Asociación Íntegro en colaboración coa Fundación ENKI. E o domingo 20, coincidindo co Día sen Coches, terá lugar o I Circuíto Un Paso Máis, concebido como unha actividade sen cronómetros nin clasificacións, na que cada participante poderá afrontar os retos ao seu ritmo e na que poden participar persoas de todas as idades e capacidades.
Outro dos obxectivos da Semana Europea da Mobilidade é reivindicar o espazo público como lugar de convivencia e non unicamente de circulación. Esa filosofía estará especialmente presente tamén o día 20, cando a Praza do Concello acollerá durante boa parte da xornada xogos xigantes, xogos populares, obradoiros, karts a pedais e animación infantil. A programación complétase o 22 coa Oca da Igualdade, unha proposta que incorpora ademais a perspectiva da igualdade e o feminismo ao uso compartido do espazo público.
A mobilidade serve ademais nesta edición como ferramenta para redescubrir o territorio e o patrimonio desde outra velocidade. Así, a Semana inclúe unha andaina pola Ruta dos Muíños do Pan, guiada por Senda Nova, e dúas propostas de patrimonio invisible con Hadrián García: unha visita nocturna á torre do reloxo e ao arquivo municipal e un percorrido urbano centrado nas pegadas da auga en Carballo.
“Quixemos deseñar unha programación moi diversa, para todas as idades e capacidades, que combina educación viaria, deporte, lecer, patrimonio, inclusión e convivencia. Esa variedade tamén reflicte que a mobilidade afecta a moitos ámbitos da vida diaria e que todos e todas podemos contribuír a mellorala”, indicou o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane.
As entidades participantes destacaron a importancia da colaboración entre a Administración e o tecido asociativo para promover hábitos máis saudables, seguros, inclusivos e sostibles, ademais de conseguir que a veciñanza conciba as rúas como un espazo propio.
“Queremos un Carballo no que as persoas estean no centro do espazo público. Iso implica avanzar cara a rúas máis seguras, accesibles e agradables, nas que resulte máis doado camiñar, andar en bicicleta, xogar ou simplemente convivir. A Semana da Mobilidade é unha oportunidade para visualizar ese modelo de concello e para facelo, ademais, desde a participación e a colaboración coa sociedade carballesa”.
Calendario de actividades
Domingo 13
- 10.45 h | Saída do centro social de Sísamo. 11ª Ruta da Bicicleta por Sísamo.
Luns 14
- 17.00 a 20.00 h | Praza do Concello. Circuíto infantil de seguridade viaria.
- 20.00 h | Saída da Praza do Concello. Ruta urbana en bicicleta.
Martes 15
- 17.30 h | Saída da Ponte de Bértoa. Andaina pola Ruta dos Muíños do Pan.
Mércores 16
- 17.00, 17.30, 18.00, 18.30 e 19.00 h | 1º andar do mercado municipal. Seguridade viaria con Apego.
- 19.00 h | Saída do aparcadoiro da rúa Perú. Marcha nórdica Cicl-Ando Carballo.
Xoves 17
- 17.00 h | Exterior do Pazo da Cultura. Arranxa a túa bici.
- 21.00 h | Casa do Concello. Ruta polo Patrimonio Invisible: visita á torre do reloxo e ao arquivo municipal.
Venres 18 – Día da Accesibilidade
- 18.00 h | Praza do Concello. Circuíto de bicicletas adaptadas. Participación libre.
Sábado 19
- 10.30 a 13.30 h | Saída do aparcadoiro da rúa Perú. Ruta en bicicleta Carballo-Razo-Carballo.
- 11.00 h | Praza do Concello. Do circuíto ao simulador, con pilotaxe virtual e exposición dunha barqueta de competición.
Domingo 20 – Día sen Coches
- 11.00 h | Contorna da Praza do Concello. I Circuíto Un Paso Máis.
- 11.00 a 13.00 e 17.00 a 20.00 h | Praza do Concello. No Día sen Coches, xogamos na rúa!: xogos xigantes, xogos populares, obradoiro de chapas, karts a pedais (só pola tarde) e animación infantil.
Luns 21
- 17.00 h | Aparcadoiro do Pazo da Cultura. Aprende a andar en bici.
Martes 22
- 17.00 h | Praza do Concello. A Oca da Igualdade.
- 19.00 h | Saída da Praza do Concello. Ruta polo patrimonio invisible de Carballo: as pegadas da auga na zona urbana.
As actividades que requiren inscrición previa poden tramitarse a través de carballo.gal.
