Quere o teu mercado | O de Carballo converteuse nun referente do comercio de proximidade

2 minutes read

O mercado municipal de Carballo converteuse este sábado nun referente do comercio de proximidade ao sumarse á campaña galega Quere o teu mercado, unha iniciativa da Xunta de Glaicia que busca poñer en valor as prazas de abastos como espazos de confianza, calidade e dinamización económica. Os praceiros e praceiras estrearon os novos mandís corporativos e repartíronse bolsas promocionais entre a clientela para agradecer a súa fidelidade diaria.

Aproveitando esta data tan sinalada, a Concellaría de Feiras e Mercados presenta a programación especial de verán do Plan de Dinamización do Mercado, que se estenderá entre os meses de xuño e agosto co obxectivo de encher de vida, sabor e propostas de lecer este espazo municipal.

Xuño: Sabor a San Xoán e sorteos

A axenda estival arrincará coincidindo coas festas grandes de Carballo:

  • Xoves 18 de xuño: Celebración da xornada Petiscos de San Xoán, cunha degustación gratuíta de petiscos elaborados con produtos típicos da época mercado na propia praza. Conseguirás os vales nos postos do mercado.
  • Venres 19 de xuño: Sorteo dunha gran cesta con produtos frescos e de calidade doados polos distintos postos do mercado. Coas compras de cada día, os clientes recibirán os seus boletos para participar.
Xullo: Premios directos “rasca” e saúde na pel

Durante todo o mes de xullo, mercar no mercado pode ter premio. Con cada compra realizada, entregarase unha tarxeta tipo rasca coa que se poderán gañar de xeito directo agasallos listos para a praia: gorras, discos voadores, papaventos ou mochilas isotérmicas, entre outros.

Ademais, haberá espazo para a concienciación social:

  • Xoves 2 de xullo (19:00 h | Aula Cervantes): Charla informativa A túa pel ten memoria, protéxea cada día. Impartida por Iria Villar, técnica de prevención da xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), centrada en como previr o cancro de pel durante as vacacións.
Agosto: Experiencias de maridaxe co Bar Mercado

O mes de agosto estará dedicado a espertar os sentidos con dúas propostas de maridaxe moi especiais organizadas polo Bar Mercado, onde os produtos da praza serán os grandes acompañantes:

  • Venres 7 de agosto (A partir das 13:00 h): Cata de cervexas.
  • Venres 21 de agosto (A partir das 11:00 h): Cata de café.

Para poder asistir e participar nestas experiencias de maridaxe de agosto, os clientes deberán solicitar os seus boletos coas compras realizadas en calquera dos postos do mercado (agás na propia cafetaría).

Con este completo calendario, a Concellaría de Feiras e Mercados e os profesionais da asociación A Praza continúan traballando da man para consolidar o mercado de abastos como un espazo vivo, moderno, participativo e de total referencia para o consumo sostible e de quilómetro cero na comarca de Bergantiños.