Realidade virtual sobre a riqueza do medio mariño en aulas da Laracha e da Ponte do Porto

2 minutes read

A Deputación da Coruña vén de rematar o programa de educación ambiental «Un mar de cambios», unha iniciativa que levou ás aulas a riqueza do ecosistema mariño galego e a necesidade de protexelo fronte aos efectos do cambio climático.

O proxecto desenvolveuse a través de 13 obradoiros prácticos en 10 centros educativos da provincia, nos que participaron 513 alumnas e alumnos de 3º a 6º de primaria. As sesións combinaron contidos divulgativos, debate participativo e experiencias inmersivas con lentes de realidade virtual para achegar ao alumnado a biodiversidade dos fondos mariños galegos sen saír da aula.

O obxectivo do programa foi implicar activamente ás novas xeracións na conservación do medio mariño, axudándolles a comprender como o mar inflúe nas nosas vidas e como as accións cotiás tamén teñen consecuencias sobre a saúde das rías, dos océanos e das especies que os habitan.

A deputada responsable da área de Medio Ambiente, Rosa Ana García López, destacou que «coñecer a importancia do mar nas nosas vidas é o primeiro paso para valóralo e protexelo». Neste sentido, sinalou que «en Galicia temos un patrimonio mariño extraordinario, que forma parte da nosa identidade, da nosa economía e da nosa forma de vivir, e é fundamental que os nenos e nenas o coñezan desde pequenos».

Rosa Ana García subliñou ademais o valor de incorporar ferramentas tecnolóxicas á educación ambiental. «A realidade virtual permítenos levar os fondos mariños galegos á aula dunha maneira atractiva, directa e moi visual. Axuda a espertar curiosidade, a entender mellor os cambios que se están producindo no mar e a xerar compromiso coa súa conservación», afirmou.

Cada obradoiro estruturouse en dúas partes. A primeira, baixo o propio título de «Un mar de cambios», centrouse no diagnóstico e na concienciación. O alumnado puxo en común os seus coñecementos previos sobre o cambio climático, as súas causas e as súas consecuencias, e traballou con imaxes reais filmadas no litoral galego para identificar algúns dos principais impactos deste fenómeno na biodiversidade e nas paisaxes submarinas.

Nesta fase tamén se abordou a situación dalgunhas das especies máis vulnerables das nosas augas e reservouse un espazo para o debate, no que as alumnas e alumnos propuxeron ideas, hábitos e comportamentos cotiáns para contribuír ao coidado da vida baixo o mar.

A segunda parte dos obradoiros estivo centrada nas experiencias inmersivas submarinas. Mediante o uso de lentes de realidade virtual con imaxes en 360 graos, o alumnado puido mergullarse nos fondos mariños galegos e observar de preto a súa riqueza natural. En paralelo, desenvolveuse a actividade «Atención! Especies en perigo», deseñada especificamente para explicar a situación das especies máis ameazadas do litoral.

Os centros escolaes e concellos participantes na actividade «Un mar de cambios» foron:

A Laracha — CEIP de Caión
Moeche — CEIP de San Ramón
Ares — CPI As Mirandas
Oleiros — CEIP Luís Seoane
Arteixo — CEIP Arteixo
Camariñas — CEIP Ponte do Porto
Curtis — CEIP de Teixeiro
Brión — CEIP de Pedrouzos
Santa Comba — CEIP Barrié de la Maza
Porto do Son — CEIP de Portosín