Realizado o sorteo dos 1.333 bonos do programa ‘Eu merco na Laracha’

1 minutes read

O programa Eu merco na Laracha é unha iniciativa impulsada polo Concello co obxectivo de apoiar o comercio local, fomentar o consumo de proximidade e contribuír ao aforro das familias larachesas.

O procedemento do sorteo realizouse mediante unha aplicación informática de selección aleatoria entre as 1.604 solicitudes válidas rexistradas nesta edición, cifra que foi superior ao número de bonos dispoñibles. O acto contou coa presenza do alcalde, José Manuel López Varela; da concelleira de Promoción Económica, Rocío López; do secretario municipal e da axente de emprego e desenvolvemento local.

O listado completo de persoas beneficiarias xa pode consultarse na web do programa: www.eumerconalaracha.alaracha.gal. Do mesmo xeito, tamén está dispoñible a listaxe cos 37 establecementos adheridos -que tamén estarán identificados con material da campaña- nos que poderán empregarse os bonos.

As persoas beneficiarias deberán acudir entre os días 2 e 30 de xuño, ambos incluídos, ao Edificio Administrativo da Laracha no horario habitual de atención ao público para retirar as súas chequeiras. Cada unha delas estará composta por tres bonos independentes de 10 euros cada un, que poderán utilizarse ata o 30 de xuño nos negocios participantes. Os bonos permitirán descontar 10 euros por cada compra mínima de 20 euros.

O Concello destina un ano máis 40.000 euros a esta campaña, consolidando unha iniciativa que alcanza xa a súa terceira edición consecutiva. Eu merco na Laracha constitúe unha medida directa de apoio ao pequeno comercio e aos servizos de proximidade, contribuíndo a dinamizar a economía local, incentivar as compras no municipio e reforzar a actividade dun sector fundamental para a vida social e económica da Laracha.