As incidencias, que afectan a usuarios de distintas compañías, están a prolongarse durante varios días e están a provocar importantes dificultades tanto para realizar chamadas como para utilizar os servizos de datos móbiles. A situación tamén está a afectar ao funcionamento dos datáfonos dos establecementos comerciais, así como ao acceso a internet.
Por elo, veñen de reclamar á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) que se adopten medidas urxentes para solucionar os problemas que está a experimentar a rede de telefonía móbil en diferentes puntos de Baio.
Desde o Concello de Zas consideran especialmente preocupante que estas deficiencias se estean producindo nunha zona cunha importante actividade comercial como Baio, onde unha correcta cobertura de telefonía e internet resulta fundamental para o funcionamento diario dos negocios e para a veciñanza.
O alcalde, Manuel Muíño, sinala que “non pode ser que levemos varios días con problemas na liña, con dificultades para utilizar os datáfonos, cos propios móbiles sen poder realizar chamadas e cun acceso a internet moi deficiente”.
“En pleno século XXI isto non pode pasar. É inadmisible, e máis nunha zona moi comercial como é Baio, onde estes problemas están a causar importantes prexuízos tanto aos establecementos como á veciñanza”, engade o rexedor.
O Concello xa trasladou esta situación a Amtega, departamento da Xunta de Galicia con competencias nesta materia, para que se poida identificar a orixe das incidencias e impulsar, no ámbito das súas competencias, as actuacións necesarias para acelerar a súa solución.
Desde o Concello lembran que a Administración municipal non ten competencias sobre as redes e os servizos de telefonía, polo que corresponde ás administracións competentes, tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central no ámbito das súas respectivas competencias, reclamar ás compañías operadoras as actuacións necesarias para garantir a correcta prestación do servizo.
“Desde o Concello imos facer todas as xestións que estean na nosa man para que as compañías dean unha resposta e se restableza canto antes un servizo que hoxe é básico para calquera persoa ou negocio”, conclúe Manuel Muíño.
Ampliación
O Concello tamén presentou unha denuncia ante a Dirección General de Ordenación de los Servicios de Digitalización y de Comunicación Audiovisual do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, pola existencia dunha «incidencia colectiva grave na rede de telefonía móbil» que está a afectar as persoas usuarias de diferentes compañías operadoras en Baio.
A través desta denuncia, o Concello pon os feitos en coñecemento do Ministerio e reclama que se adopten as medidas necesarias, ao abeiro do establecido na Lei 9/2014, do 9 de maio, Xeral de Telecomunicacións, ante o que considera unha situación que está a provocar unha afectación grave e prolongada do servizo.
Esta actuación súmase á solicitude xa presentada ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), á que o Concello trasladou a mesma problemática e reclamou igualmente a adopción das medidas necesarias para conseguir o restablecemento da normalidade na rede de telefonía móbil en Baio.
