A muller foi localizada sobre unha rocha no leito do río Anllóns, na parroquia de Verdes, e tivo que ser evacuada en padiola.
O 112 Galicia recibiu o aviso ás 19:35 horas deste martes a través da chamada dun particular, que informaba de que unha muller caera desde unha ponte e presentaba unha posible fractura nunha perna.
De inmediato, activouse un operativo no que participaron o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES de Ponteceso, os Bombeiros de Carballo, a Garda Civil e os efectivos de Protección Civil de Coristanco.
Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia comprobaron que a ferida permanecía sobre unha rocha nunha canle de auga do río Anllóns, polo que foi necesario realizar un rescate con padiola para trasladala ata a ambulancia, que a levou ao centro hospitalario de referencia.