- Este domingo un colectivo de 20 persoas participaron na actividade “Móllate polos ríos”, convocada pola asociación ADEGA en máis de 50 concellos galegos e coordinada na Laracha pola asociación Terra de Soandres.
- Tras varias horas de limpeza e retirada de lixos diversos, levaron a pesar todo o recollido, que chegou ás dúas toneladas.
Rodas, colchóns, plásticos, mobles e ata unha televisión, foron algún dos materiais retirados do río Anllóns ao seu paso pola parroquia larachesa de Soandres, chegando a facer un total de 1.800 kilos, que foron pesados na báscula da canteira el Pozo situada nesta parroquia.
Esta acción de limpeza medioambiental enmarcouse no proxecto “Móllate polos ríos” impulsado pola asociación ecoloxista ADEGA, realizada en máis de 50 concellos galegos de xeito simultáneo, e que foi coordinada na Laracha pola asociación “Terra de Soandres”. Na recollida participaron vinte persoas, membros da mencionada asociación e tamén doutra entidade larachesa, “Adro de Vilaño”, xunto con veciños e veciñas doutras localidades como Arteixo ou Carballo. A actividade contou co apoio de Piensos Iglesias e coa colaboración do Concello da Laracha.

“Un éxito de actividade, unha mágoa de situación do río Anllóns”, afirman dende Terra de Soandres, que remarcan a importancia da concienciación ambiental na veciñanza, e por iso, confirman: “Seguiremos nesta liña de traballo e implicación pola recuperación dos nosos espazos naturais e patrimoniais”.
Lembran que cada mércores están de forma presencial na Escola da Revoltiña (Lugar A Fraga 3) de 19:00 a 21:00, para atender á veciñanza que queira formar parte da asociación e colaborar coas súas actividades e plantexar proxectos, e animan a seguir a actualidade da entidade nas súas redes sociais: Instagram e Facebook.
