Os alcaldes de Cabana de Bergantiños, Laxe e Zas manterán a vindeira semana unha reunión de traballo co obxectivo de coordinar posicións e analizar de forma conxunta as posibles actuacións ante o permiso de investigación mineira ‘Jorge Reyes’, autorizado pola Xunta de Galicia e que afecta aos tres municipios.
O encontro permitirá que cada rexedor expoña a situación específica do seu concello, así como as posibles consecuencias que este proxecto podería ter sobre o territorio, o medio natural, a actividade económica e a calidade de vida da veciñanza de cada unha das zonas afectadas.
A reunión enmárcase na preocupación existente entre as administracións locais e a cidadanía polo avance deste expediente mineiro, que actualmente se atopa nunha fase de investigación, considerada o paso previo a unha eventual solicitude de explotación.
A coincidencia dos tres alcaldes na conveniencia de adoptar unha posición común ante un asunto que transcende os límites dun único concello e que require diálogo, coordinación e unidade institucional. Entenden que é fundamental que os tres municipios compartan información, analicen con detalle as posibles afeccións e defendan de maneira conxunta os intereses dos veciños e veciñas.
Aínda que despois, dadas as singularidades de onde se producen as catas en cada concello, especificamente, e partindo do coñecemento que cada goberno ten do seu concello, adoptarán aquelas medidas que consideren máis axeitadas para a defensa dos seus veciños e do seu territorio.