- Na orde do día para este xoves tamén figuran a aprobación do suplemento de crédito e a aprobación do regulamento do teletraballo municipal.
No apartado de mocións, o Bloque Nacionalista Galego da Laracha vai propoñer o debate no Pleno de tres asuntos que consideran de máxima relevancia para a localidade. En primeiro lugar, despois de dous intensos meses de iniciativas para mostrar o rexeitamento á macroplanta de biogás que se pretende ubicar en Soandres, e que levaron á formación nacionalista a presentar inicativas no Parlamento galego e no Europeo, así como na Deputación da Coruña, agora solicitan que o Pleno da Corporación larachés inste á Xunta a aceptar as mesmas propostas que fai unha semana foron rexeitadas polos populares no propio Pleno do Parlamento: “É hora de que o goberno municipal mostre o seu rexeitamento contundente ó proxecto e que decida se quere posicionarse a favor da veciñanza ou do seu partido, xa que vimos como se poñía de perfil alí onde verdadeiramente teñen as competencias para paralizalo e lexislar sobre a implantación deste tipo de plantas”- declarou a portavoz Carolina Castiñeiras.
Outro tema polémico na Laracha nas últimas semanas foi o proxecto de instalación da base dunha antena de telefonía móbil de grandes dimensións en tereos limítrofes o CEIP Otero Pedraio. Dende o BNG solicitan que se adquiran os terreos que conforman o perímetro do colexio e que se propoña á empresa promotora uns terreos máis alonxados para a reubicación desta instalación.
Con respecto a eliminación das peaxes da AG-55, o BNG comarcal iniciou unha campaña que culmina coa demanda do apoio deste reivindicación en cada un dos Plenos municipais dos concellos afectados e deste xeito agora solicitarán o apoio do Pleno da corporación local.