Así o asegurou, acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita á área na que se localiza o pecio de Punta Restelos, en Fisterra, o cal goza dun importante valor cultural e histórico ao tratarse, con case toda seguridade segundo as investigacións, do Galeón Santa María La Anunciada, afundido en 1596.
Así, e tendo en conta tanto os valores históricos como a ameaza da súa desaparición, o Executivo autonómico levará a cabo o vindeiro mes de setembro unha intervención arqueolóxica subacuática para documentar o pecio, e tamén para rescatar pezas mobles que están a ser afectadas pola dinámica mariña e poden ser obxecto de espolio.
“O que estamos a facer é salvagardar o que é un patrimonio público para despois poñelo en valor para que a xente poida gozar destes achados e coñecer unha parte da nosa historia”, asegurou.
Unha actuación na que, xunto á Dirección Xeral de Patrimonio, colaborarán a Unidade de Buceo de Ferrol da Armada, o Grupo Operativo de Actividades Subacuáticas (Goas) da Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e o Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar. “Un traballo conxunto que é referencia ao longo de toda a costa española”, indicou Rueda.
Todo co obxectivo, tal e como explicou o presidente, de contribuír ao coñecemento e difusión da riqueza do patrimonio subacuático galego. Ademais, asegurou que “ter restos arqueolóxicos submarinos tan cerca da costa tamén é un recurso desde o punto de vista económico, porque hai moita xente no mundo que está buscando este tipo de lugares para facer inmersións, polo tanto é tamén unha fonte de turismo”.